Mozan: “O noso gran título sería que un xogador da canteira debute no equipo de Liga Endesa”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro e a Fundación Heracles uníronse cun dobre obxectivo, o de impulsar as categorías de base do club compostelán e o de ofrecer vantaxes aos abonados para animalos a que se manteña e aumente a masa social do club. Coa Campaña de Abonados aberta xa, continúa tamén a oportunidade de facerse Amigo da Fundación Heracles antes de renovar ou crear o teu abono, e así poder gozar de todas as vantaxes que se ofrecen nel.

Ademais, esta doazón terá como finalidade o apoio ás categorías base do club, fomentando a práctica deportiva entre nenos e xóvenes.

Para José Ángel Rivera “Mozan”, director da canteira do Rio Natura Monbus Obradoiro, a Fundación Heracles supón un gran impulso no seu departamento. “Coa Fundación Heracles xeraranse máis ingresos e teremos máis diñeiro para poder ofrecer bolsas e outras facilidades, tanto académicas como deportivas a xogadores de Santiago ou de arredores; poderemos mellorar a infraestrutura do club e o traballo coa base”, explica.

Un exemplo desas axudas é a creación da bolsa Terry Porter a raíz do proxecto O Camiño acaba en Obradoiro, ademais doutras procedentes do convenio co Colexio Peleteiro, que dará a posibilidade a rapaces que aman o baloncesto de xogar nas categorías de base do club compaxinando cos seus estudos en réxime de internado e a gastos pagos. 

As categorías de base do Rio Natura Monbus son un proxecto de recente creación no seu formato, pero co que se pretende nutrir no longo prazo a Santiago de Compostela e a Galicia de xogadores do máis alto nivel baloncestístico e dun amplo rango de idades. Explica “Mozan” ademais que a Fundación Heracles supón un importante trampolín, xa que “nós temos a filosofía do Rio Natura Monbus Obradoiro que é facelo hoxe mellor que onte pero peor que mañá. Queremos ir día a día, que cada día o xogador ou o adestrador que está no club se desenvolva formativamente cada xornada. Ese é o noso gran reto”. 

O director da canteira ten un gran soño: “Unha consecuencia do obxectivo acumulado sería ter a un xogador da canteira no primeiro persoal. No día de mañá, o noso gran título sería que algún xogador da canteira debutase no equipo da liga Endesa, pero iso é un obxectivo a longo prazo que depende antes dos obxectivos a curto prazo”, afirma. 

Todo aquel que queira facerse Amigo da Fundación Heracles poderá completar o sinxelo proceso en oficinas, informándose de como o seu abono lle pode saír incluso gratis, ou mediante a páxina web www.fundacionheracles.org.

19 de xuño de 2015 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.