Mos presenta o cartel das Festas da Rosa 2015

Presentación das Festas da Rosa
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, presentaron hoxe o cartel oficial e o programa de actos culturais de deportivos que o Concello organiza con motivo das Festas da Rosa 2015.
Na presente edición da Festa da Rosa destaca o cambio de día dos actos centrais, que tódolos anos se celebran o 13 de xuño, pero que nesta ocasión trasládase ó domingo día 14. A este respecto as representantes municipais declararon que “este ano tivemos que tomar a decisión de organizar os actos centrais da Festa da Rosa o domingo 14, debido a que o sábado 13 terá lugar a celebración do Pleno de Investidura da nova Corporación. Pensamos que sendo domingo os veciños participarán e desfrutarán da festa igualmente”, explicaron Arévalo e Cebreiro.
Rexedora local e edil de Cultura pormenorizaron ademais todos los detalles da programación festiva deste ano, que comezará o sábado 13 de xuño coa Festa Infantil Diverte Mos. Levarase a cabo no parque de Sanguiñeda en horario de 17.00 horas a 20.30 horas e contará coa traca final da Festa da Escuma. A entrada será libre e de balde para tódolos cativos e as súas familias.
Como xa se dixo, o domingo 14 de xuño celebrarase o Día Grande da Rosa cos actos oficiais matinais e actividades tamén pola tarde. Pola mañá na Praza do Concello a partir das 09.00 horas e ata as 11.00 horas estará aberto o horario de presentación de exemplares nos Concursos de Ramos de Rosas e Empanada de Pan de Millo, ás 11.00 horas celebrarase a tradicional Misa Solemne, nesta ocasión cantada pola Coral Ventos do Val, seguida, ás 12.00 horas, da actuación da Banda de Gaitas Ledicia. Ás 12.30 horas procederase á lectura do Pregón a cargo do grupo Os Silandeiros, da Escola de Música de Torroso; para despois, ás 13.00 horas, finalizar co fallo dos Concursos de Rosas e Empanadas de Pan de Millo, seguidos do fin de festa coa Exaltación da Empanada de Pan de Millo a cargo da Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña.
Todo o mundo poderá probar a empanada con racións a prezos populares, xa que a ración de empanada máis viño custará 3 euros
Continuando coas actividades programadas para a tarde do domingo 14 de xuño, dicir que ás 18.00 horas dará comezo no auditorio do Centro Dotacional de Torroso o XVII Certame de Bandas de Música Concello de Mos, no que participarán a Banda Escola de Música de Beade e a Banda de Música Xuvenil de Torroso. E ás 19.00 horas no Multiusos das Pozas empezará un espectáculo de teatro infantil de Luces e Sombras.
Xa a seguinte fin de semana, o sábado 20 de xuño celebrarase a VIII Xuntanza de Palilleiras de Mos en Costoias, Tameiga, a partir das 11.00 horas, contando coa participación da Mostra de Encaixe de Camariñas e a actuación do grupo Novos Aires da Terra, de Santiago.
O domingo 21 de xuño Fulano, Mengano e Citano traerán a Mos o seu espectáculo ‘O que hai que ver’, dirixido a público adulto e que representarán no Multiusos das Pozas a partir das 20.00 horas. A entrada será de balde.
Por último, ó longo de toda a fin de semana, tanto sábado 20 coma domingo 21 de xuño, disputarase o VII Trofeo de Fútbol Memorial Juan Estévez ‘Nené’. O horario do sábado será de 10.00 horas a 13.00 horas e de 16.00 horas a 22.00 horas no Campo de Fútbol das Baloutas. E o domingo, tamén no Campo de Fútbol das Balotas, de 16.00 horas a 22.00 horas, xogándose ás 17.00 horas o partido solidario Final Vellas Glorias en beneficio do Club de Leones de Mos.











