Mocedades e Javier Elorrieta serán os protagonistas da fin de semana no Teatro Colón
Esta fin de semana a música será a protagonista no Teatro Colón coas actuacións do grupo Mocedades o venres 19 e de Javier Elorrieta o sábado 20, os dous concertos serán ás 21:00 horas. O grupo Mocedades, capitaneado pola súa fundadora Izaskun Uranga, celebra o seu 45º aniversario cun concerto no que repasarán os grandes éxitos deste mítico grupo como ‘Eres Tú’, ‘Amor de hombre’, ‘Tómame o déjame’ entre outros. Mocedades comezou a súa andaina a finais dos sesenta en Bilbao, ‘Eres Tú’ – canción coa que representaron a España en Eurovisión en 1973- foi o tema que os catapultou a nivel internacional e os converteu en todo un fenómeno musical nas décadas dos setenta e oitenta.
As irmáns Uranga: Amaya, Izaskun e Estíbaliz, fundaron o grupo baixo o nome Voces y Guitarras, que máis tarde pasaría a denominarse Mocedades. Izaskun é a única que queda do grupo orixinal, despois de que en 1984 Amaya iniciara a súa carreira en solitario.
Fusión de canción francesa e jazz
O director de cine Javier Elorrieta amosaranos este sábado 20 a súa faceta musical con ‘Temps D’aimer, El Tiempo del Amor’, un traballo no que fusiona canción francesa e jazz. Estará acompañado por Alberto Alonso ao piano, Richie Ferrer ao contrabaixo, Charles González á batería e Marcelo Peralta ao saxo.
Ademais do cine, a música acompañouno sempre ao longo da súa vida: rockero, blusero, amante do jazz e do bossa, compositor de música para cine e televisión, etc Elorrieta centrouse na súa gran paixón: fusionar o jazz e a canción francesa. Froito disto, en 2009 gravou o seu primeiro álbum ‘Ne me quitte pas’ ao que serguirían ‘Boheme’ (2011), ‘Souvenir, souvenir’ (2013) e ‘Temps d’aimer’, o seu último proxecto que presentará este sábado en concerto no Teatro Colón.
As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.ataquilla.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na Sede AFundación A Coruña, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado de 9.00 a 21.00 horas. Ademais no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.











