publicidade hoxe

Misturas organiza en Allariz unha xornada técnica sobre sostibilidade na obra civil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllariz
A-
A+

A construtora ourensá Misturas cumprirá este mes de xuño 25 anos de vida e farao fortalecida por unha importante carteira de obras, poucos meses despois de afrontar por primeira vez un proxecto fóra do territorio español, concretamente na localidade portuguesa de Porto Brejo, ao Norte de Aveiro.

Con motivo deste aniversario, a empresa decidiu organizar unha xornada técnica baixo o título ‘Sostibilidade na construción de obra civil: Novas perpectivas’, un encontro que terá lugar o vindeiro 18 de xuño na localidade de Allariz (Ourense).

Fiel á súa filosofía, a construtora utilizará esta xornada para amosar os resultados dalgúns proxectos de investigación e innovación, e analizar algunhas novas técnicas empregadas en construción. Misturas leva vinte e cinco anos enfocada maioritariamente cara á edificación e á obra civil, aínda que nos últimos anos adquiriron gran peso entre as súas actividades os contratos de servizos, a rehabilitación de firmes e precisamente as iniciativas de I+D+i.

Fundada en 1990 en Ourense, a partir de 1995 comezou a liderar proxectos de maior complexidade técnica. Entre as súas actividades destacan a construción de depuradoras, rehabilitacións, infraestruturas do transporte, tanto de estradas como ferroviarias, actuacións de urbanismo, obras marítimas, e edificacións de todo tipo, tanto públicas como privadas (centros de ensino, pavillóns deportivos, cuarteis, edificios relixiosos e dotacionais en xeral), incluíndo inmobles de nova planta e reformas. No ano 2006 obtivo a clasificación como empresa de servizos e no 2007 adquiriu unha planta de aglomerado en quente e maquinaria de estendido que facilitou a súa expansión territorial. O ano pasado puxo en marcha outra planta de mesturas bituminosas en frío.

Entre os proxectos desenvolvidos ao longo destes anos figuran a rehabilitación da Ponte Romana de Lugo, a nova Escola de Vela de Vilagarcía de Arousa, a conservación das estradas convencionais da Xunta de Galicia na provincia de Ourense e A Coruña, a piscina cuberta municipal de Moaña, a rehabilitación da Casa de Valverde en Allariz ou a Estrada OU-101 Ourense-Maceda.

A xornada técnica

Na xornada técnica que terá lugar o vindeiro 18 de xuño en Allariz, que conta coa colaboración do Concello de Allariz e da compañía Extraco, participarán técnicos de diferentes administracións, empresas e universidades, cunha previsión de reunir arredor de medio centenar de profesionais.

O programa inclúe demostracións dalgúns proxectos de I+D+i, como o ‘Sitegi’, iniciativa dun consorcio empresarial do que forman parte Extraco e Misturas, ademais da Universidade de Vigo, e que optimiza a aplicación de sistemas integrados de tecnoloxías para a xestión de infraestruturas viarias co obxectivo de mellorar a seguridade e reducir os custos de mantemento. Presentarase tamén o proxecto ‘Biovalvo’ para a valorización das cunchas de mexillón na construción, idea na que participa Extraco xunto con institucións como o CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil) e a Universidade da Coruña.

Haberá ademais outros dous relatorios sobre técnicas viarias adaptadas ao cambio climático e o uso de mesturas bituminosas en frío fabricadas con RCD’s.

A xornada contempla así mesmo unha visita técnica ás plantas de fabricación de aglomerado, en quente e en frío, que as empresas Extraco e Misturas, respectivamente, posúen no polígono industrial de Chorente, en Allariz. Alí os asistentes poderán comprobar in situ algúns dos resultados dos devanditos proxectos ‘Biovalvo’ e ‘Sitegi’.

10 de xuño de 2015 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.