publicidade hoxe

Misturas aposta pola I+D+i nunha xornada técnica e demostracións prácticas en Allariz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllariz
A-
A+
Inauguración das xornadas

Inauguración das xornadas

O proxecto ‘Sitegi’, unha iniciativa dun consorcio formado por varias empresas galegas e a Universidade de Vigo que optimiza a aplicación de sistemas integrados de tecnoloxías para a xestión de infraestruturas viarias, co obxectivo de mellorar a seguridade e reducir os custos de mantemento, foi hoxe unha das estrelas da xornada técnica que organizou Misturas en Allariz, baixo o título ‘Sostibilidade na construción de obra civil: Novas pesrpectivas’, e na que colaboraron o Concello de Allariz e a compañía Extraco.

O encontro, que dende días atrás tiña completa a inscrición prevista e que coincidiu co 25 aniversario da constitución da construtora ourensá, permitiu presentar e analizar varios proxectos de I+D+i, así como realizar unha visita técnica ás plantas de aglomerado en frío e quente existentes no polígono industrial de Chorente (Allariz) e propiedade, respectivamente, de Misturas e Extraco.

O profesor Higinio González foi o encargado de expor as características do ‘Sitegi’, do que destacaron a súa achega para a conservación de estradas e outras infraestruturas viarias. Neste proxecto, no que participaron Misturas e Extraco, deseñouse software e tecnoloxía para a inspección de estradas que se colocou, xunto con outros modernos sistemas de medición, nun vehículo similar ao utilizado por Google para a súa ferramenta ‘street view’. O automóbil, que os técnicos puideron coñecer hoxe in situ en Chorente, recompila todo tipo de datos grazas a sensores como láser escáner, termografía infravermella, fotogrametría e xeorradar, entre outros, que pasan a unha base de datos xeorreferenciada nun ordenador central, no que se sincronizan todos os sistemas para permitir a elaboración dun diagnóstico da situación real de cada infraestrutura

Na xornada foi tamén presentado o proxecto ‘Biovalvo’ para a valorización das cunchas de mexillón na construción, idea na que participa Extraco xunto con institucións como o CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil) e a Universidade da Coruña. As profesoras Belén González Fonteboa e Carmen Fernández Vaquero foron as encargadas deste relatorio, que se completou con outra demostración práctica e que prevé en primeiro lugar a utilización da concha de mexillón como materia prima de referencia para cimentacións, drenaxes ou morteiros de diferentes usos. De feito, para esta ocasión trasladouse desde a Universidade da Coruña un prototipo de muro fabricado con este material.

Pola súa banda, o profesor Daniel Andaluz, da Asociación Técnica de Emulsiones Bituminosas, presentou o proxecto ‘TRACC’, de técnicas viarias adaptadas ao cambio climático. A súa conferencia xirou arredor das  directrices de emprego e toma de decisións en relación ás mesturas bituminosas e as súas distintas aplicacións.

Outro relatorio, centrado na utilización de residuos de construción e demolición como áridos reciclados en aglomerado en frío, completou o programa da xornada. Neste caso o protagonista foi o profesor Breixo Gómez, da UDC, quen deixou constancia das vantaxes do uso deses residuos en estradas de intensidade de tráfico media/baixa, estradas con explanadas de mala calidade e capas de base, aínda que tamén relacionou diferentes debilidades no aproveitamento deste material e emitiu distintas recomendacións.

A xornada foi inaugurada por Pablo Prada Valencia, presidente de Misturas; Antonio López Blanco, vicedecano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos; e Cristina Cid, tenente de Alcalde do Concello de Allariz.

18 de xuño de 2015 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.