Ministerio de Facenda e Concello de San Sadurniño ratifican a cesión á Garda Civil dunha parte da antiga casa consistorial
A Garda Civil iniciará en breve o acondicionamento das que serán as súas novas instalacións en San Sadurniño, situadas nunha parte da antiga Casa do Concello. Trátase de traballos menores -divisións, principalmente- posto que as estancias xa estaban preparadas como oficinas de atención ao público. A entrega das instalacións ao corpo de seguridade fixérase oficial en xaneiro e esta mesma mañá o alcalde e o delegado de Economía e Facenda en Galicia suscribiron o documento que lle permitirá ao Ministerio de Facenda e Administracións públicas inscribir a cesión por 25 anos no Rexistro da Propiedade.
A cesión aféctalle unicamente á entrada principal e ao primeiro andar do antigo consistorio, onde estaban situadas as oficinas municipais ata fai agora un ano. Son case 385 metros cadrados nos que se incluiu o mobiliario que non fora trasladado á nova sede consistorial.
Trala sinatura do acordo de cesión en xaneiro agardábase que o cambio de emprazamento dos gardas fose case inmediato. Porén, antes de poder facelo foi necesario que o Concello e o Ministerio de Facenda suscribisen un documento administrativo ratificando a cesión, co obxecto de inscribir as instalacións -e tamén as condicións do acordo- tanto no inventario estatal como no rexistro da propiedade. Este último documento asinárono esta mañá na Coruña o alcalde, Secundino García, e o delegado en Galicia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, Emilio Vázquez.
O posto da Garda Civil de San Sadurniño atende con 10 efectivos unha área duns 220 quilómetros cadrados e unha poboación próxima aos 6.000 habitantes, distribuída polos concellos de San Sadurniño, Moeche e As Somozas. Unha zona que aínda é maior se temos en conta que o destacamento local traballa en coordinación cos postos de Cedeira, Valdoviño e Ortigueira.
Á espera do traslado
O cambio dos gardas para a antiga sede municipal permitiralle ao Concello iniciar o proxecto da Casa da Xuventude. Acondicionaranse 228 metros útiles correspondentes ao antigo salón de plenos, o arquivo, o anterior recinto da oficina de orientación laboral e o propio espazo ocupado ata agora pola Garda Civil. A parte baixa acollerá dous locais de ensaio cunha sala de gravación mentres que o andar superior se equipará como centro para o lecer e para formación.
O proxecto da remodelación interior está definido desde hai varios meses, hai unha partida de 84.000 euros para as obras e xa se teñen avanzadas as liñas estratéxicas para dotalo de contido. A intención municipal é que este equipamento se converta nun referente para a mocidade do territorio e que sexa a propia xente nova quen xestione e dinamice no posible este novo espazo.











