Miguel Fernández e Carmen Basadre serán voceiro e vicevoceira do PSOE municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

Miguel Fernández Méndez exercerá as funcións de voceiro do Grupo Municipal Socialista, e Carmen Basadre será a vicevoceira, segundo anunciou este mércores a Alcaldesa, Lara Méndez. A rexedora avanzou tamén que Ana González Abelleira e José Manuel Díaz Grandío foron nomeados voceira e vicevoceiro suplentes, respectivamente.

Lara Méndez, quen informou de que hoxe foi rexistrada a solicitude para formar Grupo Municipal, destacou o “recoñecido prestixio” destes concelleiros, “grandes defensores da nosa cidade, que farán un moi bo papel polos seus perfís profesionais e políticos, xa que teñen unha ampla experiencia, tanto no eido político, como laboral”.

A Alcaldesa lucense avanzou así mesmo que convocou para mañá, ás 14.00 horas, a primeira Xunta de Goberno que se celebrará nesta nova etapa da Corporación co fin de continuar co normal funcionamento da administración local, en tanto non se constitúe o novo Goberno. Este órgano, con carácter provisional, estará presidido pola Alcaldesa e del formarán parte os concelleiros Ana Prieto, Miguel Fernández e Carmen Basadre. 

Encontros cos grupos municipais

Por outra banda, a rexedora ten previsto manter esta tarde encontros cos representantes de Lugonovo, Ciudadanos e ACE co obxectivo de abordar a imprescindible redistribución das instalacións da casa consistorial para que os seis grupos municipais que forman parte da Corporación dispoñan de locais nos que desenvolver o seu traballo. 

A rexedora fixo estas declaracións antes de continuar o seu percorrido polas dependencias municipais para coñecer persoalmente a todos os empregados públicos do Concello de Lugo. Estivo no Centro de Servizos Municipais e logo desprazouse á sede da Policía Local e de Protección Civil, onde mantivo un encontro cos traballadores para saber de primeira man a súa situación e necesidades.   

PERFÍS BIOGRÁFICOS DOS VOCEIROS:

Voceiro, Miguel Fernández Méndez                                         

Nacido en Ribeira de Piquín formouse como ATS na Universidade de Santiago de Compostela, diplomouse en Enfermería pola UNED, ten estudos de Antropoloxía e un Máster pola Universidade Complutense de Madrid. Traballa no Centro de Saúde de Pobra de San Xiao (Láncara), presidiu o Colexio Oficial de Enfermería de Lugo e foi membro da Xunta de persoal da Área Centro de Lugo (SERGAS). Amais é voceiro do Grupo Ecoloxista CEDENAT, Presidente da ANPA do Sagrado Corazón e membro da Academia Galega de Enfermería.

Voceira suplente, Ana María González Abelleira

Nacida en Xustás (Cospeito) en 1975. Diplomada en Traballo Social pola Universidade de Santiago é Técnica Especialista en Diagnóstico Clínico e Técnica Auxiliar en Enfermería, amais ten un Máster en Dirección e Xestión de Servizos Sociais e un Posgrao en Relacións Laborais. Dende o 2003 é persoal laboral fixo da Xunta de Galicia con destino na Residencia de Persoas Maiores As Gándaras-Lugo.

Vicevoceira, Carmen Basadre

Lousadela, Guntín de Pallares (1957). Estudou Bacharelato e COU no Instituto Virxe dos Ollos Grandes. É Funcionaria do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, foi Delegada Sindical de FSP-UGT desde as primeiras eleccións sindicais na Administración e foi Secretaria de Organización da UXT de Lugo. Creou e puxo en marcha o Departamento da Muller na Unión Comarcal de Lugo – UXT co que colabora nivel Galicia.

Vicevoceiro suplente, José Manuel Díaz Grandío

Naceu en Lugo no ano 1958 e vive no Barrio da Milagrosa. Estudou Bacharelato no Instituto Xoán Montes e é empregado público do Instituto Nacional da Seguridade Social.

17 de xuño de 2015 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.