Mercado, sendeirismo e música para petiscar en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello xa anda a voltas coa organización do mercado local do verán, que se celebrará o domingo 28 de xuño nos xardíns municipais. O prazo de preinscrición xa está aberto. Será nos xardíns municipais e poderemos atopar produtos de temporada, pero tamén artesanía e artigos de segunda man. Ademais, cadrando co evento, organízanse dúas actividades paralelas: a primeira é unha ruta de sendeirismo polo Aceiteiro, mentres que a segunda -xa para o mediodía- mesturará no Pazo sabores culinarios e música da man de Talabarte Trío.

Impulsar o comercio de proximidade e axudar en certa medida á economía local son os dous grandes obxectivos que persegue a administración local coa organización deste mercado, na liña de recuperar o espírito das feiras de antano e o dinamismo económico que xeraban no territorio este tipo de encontros.

O mercado local xusto está aberto principalmente aos pequenos produtores e comercializadores. A idea é darlle saída aos produtos de calidade de todo tipo potenciando a venda directa para que a maior parte do valor engadido quede nos produtores locais en vez de marchar ao comercio das grandes áreas. Así,no mercado poderanse atopar excedentes agrarios e produtos de temporada, produtos ecolóxicos e de comercio xusto, artesanía, e os habituais postos de artigos de segunda man.

Quen queira vender no mercado deberá cubrir a solicitude que hai dispoñible na ligazón ao pé desta nova e presentala por algún dos seguintes medios: a través do rexistro municipal, por correo postal (Concello de San Sadurniño, Lugar do casal 16, C.P. 15560) ou mandando un correo electrónico a agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es

A data límite para apuntarse é o 24 de xuño ás 14:00 horas. A listaxe de persoas admitidas publicarase o 26 de xuño.

Camiñada polo Aceiteiro e Talabarte no Pazo

A principal novidade deste mercado é que incorpora dúas actividades paralelas para facelo máis atractivo, sobre todo para o turismo. Así, ás 10 da mañá partirá da Casa da Cultura unha ruta de sendeirismo gratuíta que percorrerá as beiras do río Aceiteiro onde, ademais da flora e a fauna asociada ao curso fluvial, tamén se poden ver varios muíños abandonados. 

Para participar na ruta é necesario apuntarse antes na propia Casa da Cultura, ben pasando por alí, ben enviando un correo electrónico -o mesmo que figura unhas liñas máis arriba- ou chamando á centraliña do Concello: 981 490 027.

A segunda proposta para o día do mercado -28 de xuño- é a actuación de Talabarte Trío no patio interior do Pazo ás 13.00h. Non será un concerto ao uso, senón un xeito novo de xuntar música e cociña aproveitando un espazo suxerente. Quim Farinha, Kin García e Pedro Pascual achegarán a súa fórmula de tradición contemporánea. Inspirado por Leonardo da Vinci -quen dicía que os fogóns debían estar acompañados de música para que os cociñeiros traballasen mellor- o trío argallou unha xira de presentación do seu último traballo na que vén acompañado do cociñeiro Xián Herrera. O chef preparará petiscos coa banda sonora de Talabarte. Delicias para o olfato e o gusto que poderá probar o público asistente mentres toma un vermú galego (Nordesía, para máis señas).

Iso si, a experiencia ofrece só 70 prazas e ten un prezo de 12 euros por persoa. As entradas poden reservarse a través do correo info@culturactiva.org ou chamando ao 981 582 836. 

9 de xuño de 2015 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.