Manuel Mirás garante a continuidade da revista Memoria de Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+
Presentación da revista "Memoria de Oroso"

Presentación da revista “Memoria de Oroso”

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o historiador local Manolo Pazos presentaron na noite de onte xoves o primeiro número da publicación “Memoria de Oroso”, a revista do Arquivo Histórico de Imaxes do Concello de Oroso. Unha revista que “queremos que non sexa algo efémero, pois queda moito por descubrir e moitas cousas por recoller”, apuntou Manuel Mirás, quen indicou a posibilidade de sacar un novo número a principios de 2016.

O alcalde orosán indicou que esta revista “vai contribuír ao enriquecemento da nosa cultura e do noso patrimonio histórico”, salientando que “quedan moitas cousas por publicar e esperamos que todos os veciños e veciñas nos sigan axudando para poder así seguir documentando a nosa historia”. Mirás agradeceu a colaboración de todos os veciños e veciñas que achegaron imaxes para esta publicación e salientou en especial o traballo levado a cabo por Manolo Pazos, “un traballo altruísta de quen é o recuperador da memoria histórica deste concello”.

Pola súa banda, Manolo Pazos agradeceu a colaboración do Concello de Oroso e de todos os veciños e veciñas que achegaron imaxes ao arquivo municipal. Para o historiador de Marzoa, “Memoria de Oroso” é “o voceiro do arquivo de imaxes” e apuntou que “detrás desas 64 páxinas hai un duro traballo”. Aínda así, considerou “un privilexio poder tratar con persoas maiores que nos abriron as súas portas e nos deixaron as súas fotografías”. Segundo Manolo Pazos, “o obxectivo que buscamos é poñer imaxes ao pasado, que é algo que non podemos esquecer”. 

Memoria de Oroso 

“Memoria de Oroso” consta de 64 páxinas e 170 imaxes, que se reparten entre seis apartados. Os cinco primeiros inclúen temas de interese histórico, onde se mesturan texto e ilustracións, mentres que o sexto apartado é unha selección das imaxes achegadas pola veciñanza ao Arquivo Histórico de Imaxes do Concello de Oroso. Neste primeiro número, as reportaxes incluídas son: “Sigüeiro de onte a hoxe”, “Cinco persoeiros históricos do concello de Oroso”, “San Román, o santo milagreiro”, “José Antonio Noya ou a paixón polo Sigüeiro FC” e “Documentos da familia Garrido, Trasmonte”.

19 de xuño de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.