Máis de 50 cativos inscribíronse na escola de verán do Club Naútico de Pontecesures
A deputada Begoña Estévez entregoulle esta mañá ó director deportivo do Club Naútico de Pontecesures, Ángel Barreiro, dúas resolucións presidenciais polas que se lle concede ó club cesureño 14.000 euros para fomentar a súa actividade deportiva. Trátase dunha axuda de 10.000 euros para participar en ligas e competicións oficiais e outra de 4.000 euros para poñer en marcha a súa escola de verán, un proxecto supramunicipal no que xa están inscritos 50 nenos de Pontecesures, Valga, Padrón e Rois (estes dous últimos concellos na provincia da Coruña).
Ángel Barreiro destacou que esta iniciativa busca “animar os nenos a adentrarse no mundo do piragüismo en aras de que continúen na escola de tecnificación do club”.
O CN Pontecesures conta na actualidade con máis de 140 deportistas nas súas filas. A súa destacada participación nas ligas autonómica e nacional tamén está repercutir en grandes logros internacionais. Así, dúas das súas piragüistas acaban de proclamarse terceiras no Campionato Europeo Júnior, e Camila Aldana acadou o metal de bronce nos Xogos Olímpicos da Xuventude de Nanjing (China), entre outros triunfos e premios acadados polos deportistas do club cesureño.