publicidade hoxe

Máis de 300 profesionais de emerxencias de Galicia aprenden como actuar ante accidentes con risco químico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+
Xornada na AGASP sobre como actuar en caso de risco químico

Xornada na AGASP sobre como actuar en caso de risco químico

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, inaugurou hoxe unha ‘Xornada sobre intervención en accidentes durante o transporte por estrada de gas natural licuado’, que se celebrou na Academia Galega de Seguridade Pública e contou coa participación de máis de 300 persoas.

A actividade está dirixida ao persoal do Sistema integrado de Protección Civil e Emerxencias de Galicia, fundamentalmente bombeiros municipais e dos consorcios, persoal dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) e profesionais e voluntarios de Protección Civil.

A xornada desenvolverase entre as 9.00 e as 18.30 horas e fará unha aproximación teórica e práctica de como actuar en caso dun sinistro con gas natural licuado, polo que contará con varios especialistas en intervencións de risco químico.

Entre outros asuntos, vanse abordar as propiedades do gas natural comprimido (GNC) e do gas natural licuado (GNL), os gasodutos físicos e virtuais, as cisternas para o transporte de GNL, o comportamento ante o lume destas cisternas e a intervención en España en accidentes no transporte do GNL e os sistemas de transvase.

Precisamente, entre o profesorado encóntranse varios profesionais dos servizos de extinción de incendios murcianos, que explicarán a súa intervención no accidente dunha cisterna de gas licuado en Zarzalico, no termo municipal de Lorca, Murcia, hai catro anos.

O sinistro ocorreu o 20 de outubro de 2011 e provocou o incendio e a explosión da carga do camión cisterna que transportaba o gas, ocasionando a morte do seu condutor e importantes danos na zona do accidente.

Ademais das charlas teóricas, os asistentes recibirán un exemplar do libro ‘Gas Natural. El Accidente de Zarzalico’ e poderán visitar dous semi- remolques da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) preparados para emerxencias de risco químico, que estarán aparcados na explanada da Academia estradense.

18 de xuño de 2015 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.