Máis de 200 fogares pontevedreses recibiron o seu kit de eficiencia enerxética do proxecto depoGAP

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

243 familias pontevedresas solicitaron xa participar na proba piloto de eficiencia enerxética que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha no marco do proxecto depoGAP. Esta iniciativa ten como obxectivo sensibilizar a cidadanía sobre o uso eficiente da enerxía nos fogares.

Consultar o consumo enerxético en tempo real

Para o desenvolvemento desta proba é necesario instalar, en cada un dos fogares participantes, un kit domótico que proporciona as ferramentas de control necesarias para monitorizar e optimizar os consumos nos fogares. Trátase dun contador de enerxía, un detector de apertura e peche de portas, un sensor de luminosidade e un medidor de consumo eléctrico.

Estes instrumentos, que se instalan de forma gratuíta nos fogares, encárganse de realizar as medidas de consumo enerxético nas vivendas, o que lle permite a cada participante consultar en tempo real o consumo enerxético no seu fogar durante un período de seis meses.

É importante destacar que as familias que participan nesta proba reciben unha formación previa nos conceptos e fundamentos prácticos necesarios. O obxectivo final é que cada familia extraia conclusións sobre os seus consumos enerxéticos, de maneira que poida establecer medidas de aforro enerxético aplicables no seu fogar.

44 técnicos especializados na materia encargáronse tanto da instalación dos equipos nos fogares participantes coma da formación das familias colaboradoras.

A posta en marcha deste proxecto permite obter datos estatísticos sobre o gasto enerxético, que serán a base das guías de boas prácticas que se queren elaborar para utilizar en futuras campañas de sensibilización enerxética.

O proxecto depoGAP

Esta iniciativa pertence ó proxecto depoGAP, promovido pola Deputación de Pontevedra e cofinanciado nun 70 % a través dos fondos europeos FEDER.

DepoGAP pretende promover un novo modelo de xestión dos activos públicos a través das novas tecnoloxías, contando coa colaboración e participación cidadá.

As familias que pertenzan a un concello de menos de 50.000 habitantes e estean interesadas en unirse ó proxecto aínda se poden inscribir na web www.depo.es/depoGap, unha páxina na que, ademais, se informa dos requisitos necesarios para adherirse a esta iniciativa.

27 de xuño de 2015 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.