Maio finaliza cunha explosión de actividade atlética para a Sociedade Ximnástica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

Os últimos días foron moi atarefados para a Sociedade Ximnástica xa que ademais dos Campionatos oficiais, houbo unha serie de Trofeos e Controis de marcas, que foron ben aproveitados polos atletas pontevedreses para ir collendo a forma competitiva. Na Coruña, os máis novos da Ximnástica fixéronse notar, as infantís Blanca Armenteros e Marta Barragáns, fixeron dobrete no quilómetro e tamén estiveron entre as tres primeiras no salto de lonxitude, con Marta, terceira e Blanca, primeira.

En Vigo, Fran Iglesias foi terceiro nos 800 metros, o mesmo que David Ferrer no salto con pértega; mentres que Víctor Galego impúxose no lanzamento de disco con 52 metros. Na categoría feminina, Andrea Pais foi terceira no dobre hectómetro, Lucía Cardesín impúxose nos 300 metros cadete, Inés Martínez sumou outra vitoria máis para a Ximnástica no salto de altura e Clara Gil foi terceira no salto con pértega.

Fóra de Galicia, hai que destacar os resultados conseguidos polos atletas do equipo lerezano en Valladolid, Valencia e Álava. Na capital castelá, Manuel Muíños chegou en salto de altura ata os 2,05 e Manuel Casteláns rozou os 60 metros no lanzamento de xavelina con 58,10.

No Turia, Ricardo Gaya asinou 14,36 metros ventosos, no triplo salto e no País Vasco Mario Álvarez continúa saltando por encima dos 7 metros no salto de lonxitude, con 7.05.

2 de xuño de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.