Lugonovo expón aos socialistas a redución do custo da corporación local para dedicalo a políticas sociais
O candidato de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, avanzou que exporán aos socialistas “a redución do custo da corporación” local na capital luguesa, unha proposta incluída no programa e que suporía reducir a máis da metade eses gastos para dedicalos a “políticas sociais”.
“Iniciamos a negociación para o apoio da candidatura de Lara Méndez. O que se vai a pór encima da mesa vai ser a redución do custo da corporación e ver se se chega a un acordo”, explicou despois de que o xoves José López Orozco anunciase a súa renuncia para posibilitar o apoio de Lugonovo e BNG á candidatura socialista.
Tamén manifestou que se pretende “chegar a un compromiso de negociación do próximo goberno municipal, do programa que se pode levar adiante”.
Da entrada nun goberno cos socialistas, Rocha dixo que será “unha decisión asemblearia”. “O que queremos é o compromiso do PSOE para iniciar unha negociación programática e unha vez que se faga esa negociación ratificaraa a asemblea”, abundou.
“Agora non estou en disposición de dicir se imos entrar ou non, iso é unha cuestión da asemblea de Lugonovo”, reiterou Fernández Rocha.











