Lugonovo dá por feito o apoio á investidura da socialista Lara Méndez tras a renuncia de Orozco
O candidato de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, deu por feito que a súa organización apoiará, con tres concelleiros, a investidura da socialista Lara Méndez no pleno do sábado, despois da renuncia do alcalde en funcións e candidato do PSOE, José López Orozco, que anunciou este xoves. “O noso compromiso co electorado foi en todo momento apoiar un candidato de esquerdas sempre que non fose Orozco, e por tanto eu creo que en coherencia esa debería ser nosa postura”, sinalou.
No entanto, anunciou “un proceso de negociación” que espera “que se sustancie a favor do que toda a campaña” Lugonovo veu “manifestando”, con ese veto imposto ao candidato socialista.
Fernández Rocha valorou o paso atrás de Orozco “como un paso responsable”. “É un paso que supoño moi meditado e que o faría porqué certamente comprendo que era unha situación difícil”, sinalou. “É unha decisión positiva para os lucenses e para a xente de esquerdas que votou ás candidaturas representadas polo BNG, o PSOE e Lugonovo”, engadiu, antes de destacar que ao seu xuízo “é tamén unha decisión moi positiva” para os socialistas.
Finalmente, sobre entrar no futuro goberno da cidade de Lugo, advertiu de que ese proceso de negociación abrirase unha vez constituído o Consistorio, aínda que aclarou que será a asemblea de Lugonovo a que decidirá. “Estaremos sempre á altura das circunstancias”, finalizou.
Desde un principio, tras coñecerse os resultados das eleccións do 24 de maio, Lugonovo (tres edís) e o BNG (dous edís) puxeron a renuncia do rexedor lucense como condición para establecer negociacións cos socialistas.











