Lugo Sala cumpre un ano e segue crecendo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

Hoxe, venres 12 de xuño do 2015, hai un ano do nacemento deste proxecto: Lugo Sala. Un soño duns tolos e namorados do fútbol sala que naceu co propósito de dar unha alternativa ao fútbol sala lucense. Chegados a este punto, estamos máis contentos aínda de iniciar este camiño.

Hai moitas razóns para estar felices. Unha das máis importantes é que nos consolidamos no deporte de base desta cidade. Comezamos cun proxecto de preto de 50 nenos, unha auténtica tolemia que superou as nosas expectativas no primeiro ano. E agora que máis do 85 % deses nenos confirmaron que seguirán pertencendo á nosa entidade a tempada próxima, o cal nos reforza para traballar aínda máis de cara ao futuro. Porque eles apoiáronnos no inicio deste soño e iso é o máis importante, que confían no noso traballo. Outra razón é o Campus que realizamos en setembro, a que era nosa primeira actividade, onde tamén se superou as nosas expectativas con preto de 50 participantes. Iso acabounos de dar o paso definitivo a crer no que faciamos. Este ano volveremos repetir esta actividade.

Pero isto non queda aquí. De cara á tempada que vén, a 2015-2016, Lugo Sala xa conta con máis de 150 nenos/as inscritos para os seus equipos. Desde a humildade deste proxecto estamos a traballar para que este soño que agora se fai aínda máis grande sexa posible e viable, cunha estrutura forte e sólida. Contamos co apoio de moita xente, e en especial dun gran patrocinador como é a empresa lucense Frisaqués, a cal está a pór todo do seu lado para facer posible que este proxecto teña un gran futuro.

Pero non nos podemos esquecer de todas as empresas que co seu gran de area viron nacer este proxecto, apoiárono, e que para nós foi moi importante neste primeiro ano: Restaurante Cervecería Andión, Hostal Brios, Macrocopia, Cafetería Minuetto, Ianun Seguros, PC Ensino, Pimac Informática, Talleres Pereira, Centro de Fisioterapia Roberto M. Cordeiro, Muebles Blanco, Clínica Dental Arias López e Restaurante Porta Santiago. A todos eles grazas por estar neste primeiro ano e oxalá poidan seguir no futuro.

Temos que dar as grazas tamén aos medios de comunicación porque os proxectos deben ser coñecidos pola sociedade e grazas a todos eles Lugo Sala foino na nosa cidade e fóra da mesma. E por suposto tamén un agradecemento especial ás institucións que desde o primeiro momento apoiaron tamén o nacemento de Lugo Sala e seguro vannos a axudar no futuro para o crecemento da entidade.

Queremos seguir traballando como o primeiro ano, con humildade e esforzo, pero sabendo que a nosa familia cada vez crece máis e con iso o noso nivel de compromiso. 

12 de xuño de 2015 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.