Lúa Piñeiro competirá nos xogos europeos de Bakú

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A galega Lúa Piñeiro (-67 quilogramos, Natural Sport Riveira) competirá o xoves 18 de xuño nos Xogos Europeos de Bakú (Azerbaián), co claro obxectivo de sumar importantes puntos na loita por clasificarse para os Xogos Olímpicos de Río. No primeiro combate enfrontarase á suiza Nina Klaey. A cita de Bakú é moi importante para Lúa, sobre todo despois de non poder puntuar no Mundial celebrado hai un mes aproximadamente en Rusia. Ademais, está a vivir un ambiente excepcional, moi similar aos Xogos Olímpicos, aínda que con menos modalidades deportivas. Pero hai villa para os deportistas e todo o equipo español gozou moito na cerimonia inaugural, como nos contou Lúa a través do seu facebook. Será a primeira edición dos Xogos Europeos, que nacen co obxectivo de celebrarse sempre no ano previo a disputa dos Xogos Olímpicos.

Os Xogos Europeos estanse a celebrar en Bakú entre os días 12 e 28 de xuño coa participación de case 6.000 deportistas de 50 países en 20 modalidades deportivas. A competición de taekwondo desenvolverase entre os días 16 e 19 de xuño. Lúa enfronta a cita sen problemas físicos e con moita ilusión, nunha tempada chea de obxectivos para a galega. Despois de Bakú, viaxará directamente ao Open de Austria e posteriormente á Universiada en Corea. Moitas citas importantes no próximo mes para a nosa deportista.

15 de xuño de 2015 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.