Lúa Piñeiro cae en cuartos de final contra Niare Haby
A galega Lúa Piñeiro (-67 quilogramos, Natural Sport Riveira) caeu nos cuartos de final dos Xogos Europeos de Bakú (Azerbaián), contra a francesa Niare Haby por un resultado final de 4-8. Foi unha dura competición para a nosa deportista que tiña un cadro de competición durísimo. Na primeira rolda enfrontouse á suiza Nina Klaey, campioa de Europa 2014 e bronce mundialista no 2013. E iso para comezar. Pero Lúa fixo un magnífico combate e, cun primeiro asalto espectacular (2-5), deixou moi tocada á súa rival.
No resto do combate, Lúa controlou perfectamente e así, chegou ao final do terceiro asalto cun 5-7 ao seu favor. Primeiro paso dado e tocaba ir a polo segundo, igual ou máis duro. Piñeiro tiña enfronte á francesa Niare Haby, tamén cun curriculum espectacular: Ouro no Mundial de Puebla 2013 e prata no europeo de 2013 e 2014. Aínda así, a nosa deportista saíu ao tapiz sen complexos e deu a cara principalmente nos dous primeiros asaltos: Perdeu o primeiro pola mínima (1-0) e empatou o segundo (4-4), pero no terceiro, tiña que arriscar para poder superar á francesa, e así chegaron máis puntos para Haby. Ao final, 4-8 para a francesa.











