publicidade hoxe

Lousame e a Escola Municipal de Música programan dous concertos na Casa da Cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame organiza dous concertos para as tardes do sábado 13 e 20 de xuño, que terán lugar no auditorio da Casa da Cultura “Santeiros de Chave” e que son de entrada libre e de balde. Un programa organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Lousame, en colaboración coa Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Este sábado 13 de xuño, ás 20:00 horas, os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Lousame ofrecerán un concerto no auditorio da Casa da Cultura. A entrada é libre e de balde. Para o sábado 20 de xuño, ás 19:30 horas queda o concerto de fin de curso da Escola Municipal de Música de Lousame, no que actuarán a Banda Xuvenil de Lousame e o guitarrista Fernando Pérez Fernández, guitarrista nado en Lousame que presentará pezas do seu primeiro traballo discográfico “Feel past fret: unha viaxe polas emocións guitarrísticas”. 

Feel past fret

“Feel Past Fret, unha viaxe polas emocións guitarrísticas” (2013) é o primeiro CD como solista de Fernando Pérez co selo iTinerant Classics, onde toca música de Narváez, Sanz, Guerau, Legnani, Tárrega, Vide, Kapsperger e sete estudos propios, cuxa partitura está dispoñible no libro “Guitarra, técnica e interpretación”, publicado pola editorial Dos Acordes. Segundo Fernando Pérez Fernández, “é un concerto diferente, no que se mesturan música, imaxes e historia. Unha voz en off introduce o contexto e a música que se escoitará en directo, a cal verase apoiada por unha proxección de imaxes que recrean o ambiente da época”.

Neste concerto de Fernando Pérez Fernández, os veciños e veciñas de Lousame poderán escoitar música que vai dende o Renacemento ata os nosos días, pasando polo Barroco, o Clasicismo e o Romanticismo, que serán interpretadas a través de instrumentos orixinais da época (como a vihuela, a guitarra barroca ou a guitarra clásico-romántica) así como por guitarra actual.

Fernando Pérez comezou a súa educación musical moi novo, axudado polo desexo de formar parte da Banda de Música de Lousame, o seu pobo natal. Por azar foi elixido para tocar a trompa, pero a chamada da guitarra non tardou en aparecer e foi compaxinando ambos instrumentos ata o seu ingreso no Conservatorio Profesional Felipe Paz Carbajal de Noia. Máis tarde trasladous a A Coruña para terminar o Grao Profesional no Conservatorio da cidade herculina, onde tamén obtivo a súa licenciatura no Conservatorio Superior de Música con Ramón Carnota Méndez, na especialidade de Guitarra Clásica.

11 de xuño de 2015 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.