publicidade hoxe

Lousame convoca os Campamentos de Verán con actividades deportivas, culturais e de natureza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame convoca a decimoterceira edición dos seus Campamentos de Verán, que terán lugar entre o 13 e o 17 de xullo e que “teñen como obxectivo ofrecerlles aos rapaces e rapazas de Lousame cinco divertidos días disfrutando de actividades lúdico-culturais, deportivas e de natureza”. Unhas actividades dirixidas a rapaces e rapazas entre os 6 e os 15 anos de idade.

O prezo para empadroados en Lousame mantense nos 45 euros do ano pasado (65 euros para os de fóra do concello) e todos os rapaces terán que traer o xantar e a merenda todos os días, coa excepción do venres 17 de xullo. As actividades terán lugar entre as 9:30 e as 20:00 horas, de xeito ininterrompido. Máis información e inscricións na Casa da Cultura ou no 981 825 780.

Programa de actividades 

Os Campamentos de Verán comezarán o luns 13 de xullo, ás 9:30 horas, cunha recepción dos participantes no polideportivo municipal da Silva. Para írense coñecendo todos, haberá xogos e obradoiros de animación, actividades deportivas no novo campo de fútbol de Croído, unha sesión especial na piscina con inchables acuáticos e unha actividade recreativa coa “Lupa lunática”. Para o martes 14 de xullo está programada unha xornada de praia e de actividades acuáticas. Dende o Concello lembran que os cativos deben traer crema de protección solar adaptada á súa idade. 

O mércores 15 de xullo terá lugar unha excursión ao aquapark de Cerceda, con chegada ás 20:30 horas. O cuarto día, xoves 16 de xullo, inclúe unha xornada de praia e obradoiros de ocio, que desta vez inclúe pasar a noite no polideportivo municipal, onde haberá distintas actividades de ocio, como un concurso de karaoke. Os campamentos rematarán o venres 17 de xullo cunha gran festa da escuma, circuíto de trikets, sesión disco, piscina e entrega de agasallos. 

O Concello de Lousame lembra ás familias que a puntualidade é imprescindible, sobre todo no remate das xornadas, polo que é imperativo que os nenos/as se recollan antes das 21:00 horas sen excepción. Ademais, recorda que durante o campamento non se permitirá o uso de móbiles, tablets, videoxogos nin dispositivos de reprodución multimedia por parte dos pequenos.

30 de xuño de 2015 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.