publicidade hoxe

Lousame convoca a súa Ludoteca de Verán con obradoiros diferentes cada semana de xullo e agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame abrirá mañá xoves 18 de xuño o prazo de inscrición na súa Ludoteca de Verán, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto. Integrada no programa Lousame Concilia, a Ludoteca de Verán está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade para os que o Concello de Lousame ten programados unha serie de nove obradoiros diferentes, que terán lugar do 1 de xullo ata o 28 de agosto nas instalacións do CPI Cernadas de Castro en horario de 9:30 a 14:30 horas.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que a Ludoteca de Verán “é unha iniciativa coa que buscamos conseguir un dobre obxectivo: ocupar o tempo de lecer dos cativos dun xeito divertido e educativo; e ofrecerlles aos pais e nais de Lousame unha alternativa que lles facilite a conciliación da vida laboral e familiar durante ese tempo de vacacións escolares”. Por iso, o Concello de Lousame ofrecerá dúas modalidades de inscrición: todo o verán ou semanas/días soltos, adaptándose deste xeito ás necesidades de cada familia.

Inscricións

No caso das familias que opten pola inscrición para todo o verán, o prezo será o mesmo co ano anterior: 15 euros/mes. O prazo de inscrición estará aberto do 18 ao 23 de xuño. Para anotarse só terán que descargar e cumprimentar o impreso correspondente, que poden recoller nos Servizos Sociais de Lousame ou descargar na web municipal (www.concellodelousame.es).

O Concello de Lousame convoca 40 prazas, dez máis co ano anterior. No caso de haber máis demanda que prazas, terán preferencia os nenos/as empadroados/as no municipio, valorarase a situación das familias e terase en conta tamén a orde de inscrición. No caso das familias interesadas en que o seu cativo participe nunha única semana ou en días soltos, só terán que chamar ao teléfono 609 828 853, sempre e cando queden prazas libres. Neste caso, o prezo é de 2,5 euros por día. Máis información nos Servizos Sociais de Lousame ou no 981 820 494. 

Programa

O Concello de Lousame ten programado un obradoiro diferente para cada semana, que comezarán cunhas dinámicas de benvida do 1 ao 3 de xullo. Para a semana do 6 ao 10 de xullo está previsto un obradoiro de xogos e obradoiros tradicionais que terán Galicia como eixo principal. A semana do 13 ao 17 de xullo estará dedicada ao deporte, con xincana, circuíto de trikets, campionatos deportivos… A semana do 20 ao 24 de xullo estará dedicado ao coñecemento doutras culturas e países a través de xogos, como un rosco pasapalabra ou un masterchef cultural, así como un obradoiro de disfraces. Xullo pecharase coa “Semana do teatro”, con contacontos e representacións teatrais.

Para o mes de agosto están previstos un obradoiro de instrumentos musicais (do 3 ao 7 de agosto), unha Semana do Inglés, con xogos e películas en inglés (do 10 ao 14 de agosto), un obradoiro de igualdade (do 17 ao 21 de agosto) e un obradoiro de preparación da Festa de Fin de Curso (do 24 ao 28 de agosto). Ademais, durante os dous meses haberá saídas á piscina e inchables.

Lousame Concilia está organizado polo Concello de Lousame e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.

17 de xuño de 2015 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.