publicidade hoxe

Lousame acolle a derradeira exhibición de “Introvisións” ata o 30 de xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

A Casa da Cultura “Santeiros de Chave” de Lousame acolle dende hoxe e ata o próximo 30 de xuño a exposición fotográfica ‘Introvisións’, que recolle traballos do alumnado do Ciclo Medio de Imaxe do IES Virxe do Mar de Noia. Unha mostra que foi inaugurada esta mañá pola concelleira de Xuventude, Silvia Agrafojo, polo director do IES Virxe do Mar, Xavier Castro, e pola profesora de fotografía do ciclo e coordinadora da mostra, Montse Pernas.

Silvia Agrafojo desculpou a ausencia da alcaldesa Teresa Villaverde e asegurou que “para Lousame é un orgullo poder disfrutar desta magnífica exposición fotográfica, que inclúe tamén traballos dalgúns veciños e veciñas, e que será a derradeira vez que se poderá contemplar, polo que agardo que sexan moitas as persoas que se acheguen ata a sala de exposicións da Casa de Cultura durante as dúas próximas semanas”. Lousame pecha así unha itinerancia desta exposición que a levou por municipios como Noia, Outes, Muros, Porto do Son, Ribeira, Boiro, Rianxo… e a semana pasada Brión.

Pola súa parte, o director do IES  Virxe do Mar noiés, Xavier Castro, agradeceu a acollida da mostra e lanzou unha mensaxe de esperanza fronte á recente orde ministerial que fai desaparecer o Ciclo Medio de Imaxe do instituto noiés. “Coa exposición de hoxe pechamos unha edición e o Ciclo Medio de Imaxe, xa que desaparece aínda que esperamos ter unha decisión nos próximos días que nos permita contar cun novo ciclo medio”, apuntou Castro, quen asegurou que “foron 12 ou 13 anos dun ciclo con moita demanda e do que esta exposición supón facer visible todo o proxecto que se fai nas aulas”.

A mostra Introvisións está composta por un un total de 35 imaxes de vinte e catro alumnos e alumnas do IES Virxe do Mar, algúns deles de Lousame. Montse Pernas explica que “a mostra é un retrato do seu tempo e dos seus autores. Nela temos todas as técnicas que aprenderon no curso e xiran todo sobre a mocidade, ben sobre eles mesmos ben sobre os outros”. Neste sentido, explicou que “hai moitas imaxes en branco e negro, o que quizais amosa esa situación de incerteza na que vive a nosa mocidade”. En canto á temática, a profesora explica que “están presentes todos os temas propios da mocidade: o amor, as relacións, o deporte, a música…”

15 de xuño de 2015 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.