López-Chaves promociona as novas liñas ro-ro do porto de Vigo nunha xornada do SPC-Spain

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, participou hoxe, en Santiago de Compostela, na xornada organizada pola Asociación Española de Promoción do Transporte Marítimo de Curta Distancia (SPC-Spain) baixo o título “O transporte marítimo de curta distancia e a súa achega á competitividade do sector do transporte de mercadorías por estrada”.

A xornada, que tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública e está subvencionada polo Ministerio de Fomento no marco do programa de axudas para a formación en relación co transporte por estrada, analizou as vantaxes que o denominado Short Sea Shipping ofrece ao tráfico rodado.

Durante a súa intervención, López-Chaves fixo fincapé na importancia da complementariedade do transporte marítimo e terrestre, de mercadorías “porta a porta” entre países da Unión Europea, co obxectivo de conectar as empresas locais e da súa área de influencia co sur de España e co norte de Europa, conseguindo un nivel de servizo atractivo para que aumente o tráfico marítimo e se reduza o de estrada, o que contribúe á sustentabilidade do sistema de transporte.

Así mesmo, o máximo responsable portuario lembrou que, no caso do Porto de Vigo, a Autoestrada do Mar tivo a súa orixe na fábrica viguesa de PSA- Peugeot Citröen, xa que foi a pioneira en optar polo transporte marítimo para a distribución da súa produción.

En canto ás vantaxes deste transporte marítimo de curta distancia, López-Chaves explicou que, ademais de axilizar o servizo marítimo e aumentar o tráfico no Porto, supón unha gran vantaxe para o tecido económico e industrial de Vigo e a súa área de influencia, ademais de ser unha opción loxística de distribución e transporte internacional para moitas empresas locais, do resto de Galicia, de León e do norte de Portugal. Un servizo regular, frecuente, fiable, áxil, eficaz e economicamente competitivo que permitirá, dunha maneira máis económica e ecolóxica, colocar mercadorías no corazón de Francia con destino a este país ou outros de Europa. 

Ademais do máximo responsable portuario, a xornada contou tamén coa participación de representantes da Administración, como a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, e das asociacións de transportistas, representados no evento polo Presidente de FEGATRAMER, Ramón Alonso, así como representantes tanto de navieras (Director Comercial de Flota Suardíaz, Marcos Duato), empresas de transporte por estrada (Director rexional da Zona Noroeste de Gefco, Carlos Labajo).

12 de xuño de 2015 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.