López-Chaves avoga por fomentar o desenvolvemento sustentable das actividades portuarias
O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, participou hoxe, xunto a máis de medio centenar de asistentes, nos actos programados pola Asociación Profesional de Empresas Ambientais (APROEMA) no Porto de Vigo con motivo da celebración do Día Mundial do Medio.
Durante a súa intervención, na que estivo acompañado polo Presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán e o Presidente de APROEMA, Javier de la Cerda, entre outros, o máximo responsable portuario felicitou a todos os socios e colaboradores de APROEMA, “que está a facer un labor moi importante en promover unha xestión empresarial ética e comprometida co Medio Ambiente”, á vez que agradeceu á Asociación pola súa deferencia ao escoller o Porto de Vigo e a súa Ría para organizar esta xornada sobre a importancia da implicación por parte do sector de xestión de residuos e o Porto de Vigo na celebración desta efeméride.
Segundo lembrou López-Chaves, a institución que preside recibiu o pasado ano o 1º Accésit dos premios que organiza anualmente Aproema “polo labor e iniciativas que estamos a levar a cabo, encamiñadas á consecución dun porto sustentable e respectuoso tanto co medio ambiente como coa cidadanía”. En definitiva, “o desenvolvemento de políticas e accións que dirixan ao Porto de Vigo cara ao obxectivo de Porto Verde”.
O recoñecemento de APROEMA únese así á certificación PERS (Port Environmental Review System) recibida de mans de ESPO (European Ports Organization) e que veñen apoiar o fin último de lograr que o Porto de Vigo sexa considerado como un dos ‘Portos Verdes’ referentes de Europa, destacou o Presidente portuario.
“A Autoridade Portuaria de Vigo apostou, nos últimos anos, polo desenvolvemento de novos protocolos e tecnoloxías que permitan que as actividades portuarias produzan o menor impacto ambiental posible á contorna que lles rodea e fomentar o desenvolvemento sustentable”, subliñou, e todo iso a través de iniciativas como a obtención da certificación ISO 14001, ECOPORTS e EMAS III de todas as súas actividades, ou a participación en proxectos como o proxecto Tefles (desenvolvemento dun sistema de limpeza de gases de escape dos buques), o proxecto GPEC (emprego de gas licuado para a produción de enerxía eléctrica, aire quente e aire frío destinado á subministración a buques en porto), o proxecto Seporha (Smart Energy Ports and Harbours, que ten como obxectivo a implantación de enerxías intelixentes en Portos), ou a organización da ‘Green Energy Port Conference’ no ano 2013, que reuniu en Vigo a máis de 150 expertos dun total de 11 países, sendo o eixo central dos relatorios o camiño cara á consecución dun ‘Porto Verde’.
Obxectivo ‘Porto Verde’
Este obxectivo de ‘Porto Verde’ xa deu os seus froitos estes últimos anos, con datos como a valorización do 72% dos residuos derivados das actividades e a xestión das instalacións portuarias, ou a redución en máis dun 46% das verteduras á lámina de auga derivados das operacións portuarias de buques, a redución de máis dun 25% nos consumos propios de auga ou o incremento de máis dun 50% na produción de enerxía eléctrica a través dos paneis fotovoltaicos instalados no Porto de Vigo nos últimos dous anos.
“O noso obxectivo é seguir traballando pola conservación e mellora do medio ambiente en Galicia, a través de iniciativas de xestión e valorización de residuos, campañas de concienciación ambiental e iniciativas en xeral encamiñadas á protección do medio ambiente”, declarou o Presidente portuario.
Por iso, os próximos 15, 16 e 17 de xuño, o Porto de Vigo acollerá unha nova edición da ‘Green Energy Port Conference’, que conta co apoio de Portos do Estado e ESPO. Unha vez máis, contarase coa participación dos máximos representantes de institucións europeas e españolas, así como empresas e asociacións do sector do máis alto nivel.
Na xornada, abordaranse materias tan importantes como a eficiencia enerxética, o uso de gas natural licuado como combustible mariño, a experiencia de ‘Porto Verde’, a eficiencia nas terminais ou as novas tecnoloxías de ‘Cold Ironing/ OPS’, entre moitas outras materias de plena actualidade no que a eficiencia e respecto ao medio ambiente refírese. Con todo iso, preténdese dar resposta aos problemas actuais que se poden atopar os portos á hora de seguir o camiño de converterse nun ‘Porto Verde’.











