publicidade hoxe

Lois Patiño filma o teaser do seu próximo proxecto audiovisual en Ferreira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

“Movemento vertical”, ese é o título provisional dun dos proxectos nos que anda traballando o realizador vigués Lois Patiño. Coñecido -e premiado- internacionalmente por traballos como “Montaña en sombra” e, sobre todo, por “Costa da Morte”, o realizador e o produtor Felipe Lage elixiron o adro da capela de San Cristovo para gravar o avance conceptual dunha obra que aínda está en fase de produción. Na filmación participaron arredor dunha trintena de veciños e veciñas de San Sadurniño, convertidos en protagonistas do teaser ou tarxeta de presentación deste proxecto. Unha pequena peza que se poderá ver a semana que vén no Festival Internacional de cine Documental de Marsella.

“Tempo vertical” será unha longa dirixida por Patiño e producida por Zeitun Films, a firma de Felipe Lage que xa apoiara con anterioridade outros traballos deste director e tamén doutros creadores da vaga do Novo cinema galego, colleitando en todos os casos unha boa presada de premios e recoñecementos internacionais. 

Cun orzamento que se aproxima aos 300.000 euros, “Tempo vertical” quere reflexionar sobre iso, sobre o tempo, situándose nas entremedias da ficción e do documental. A posta en escena é a dun contorno con xente completamente queda mentres o resto da natureza viva ao seu redor segue o seu propio curso temporal. “As persoas permanecen inmóbiles, como se o tempo se tivese parado por un instante, mentres que a natureza, os animais e a cámara se moven”, explica o director. 

Ese é o principal argumento, e para mostrar como vai ser a película e cal vai ser “o seu estilo visual”, o equipo de Zeitun trasladouse ata Ferreira coa mediación de Carmen Suárez e Manolo González, responsables do Chanfaina Lab. Veciños e veciñas tanto desta parroquia como doutros lugares de San Sadurniño participaron durante toda a tarde na gravación de varias tomas en plano-secuencia na que, repetición tras repetición, debían estar como estatuas. Nin moverse, nin falar… nada. Só manter as posicións definidas estratexicamente por Patiño e o seu equipo despois de ver o lugar. Cousa doada para as persoas adultas pero algo máis complexa de conseguir no caso das nenas e nenos máis pequenos. Con todo, a experiencia foi un éxito.

Agora Zeitun Films e o director teñen só uns días para preparar a peza, xa que o día 3 terán que presentala na sección FIDLab do Festival Internacional de Cine Documental de Marsella -Francia-, un foro no que se dá cita o melloriño da creación internacional e no que, ademais, se pechan acordos de coprodución como o que busca “Tempo vertical”.

29 de xuño de 2015 | 12:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.