Lara Méndez reúnese co servizo de Bombeiros de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Lara Méndez na visita ao parque de Bombeiros de Lugo

Lara Méndez na visita ao parque de Bombeiros de Lugo

Continuando co percorrido polas dependencias municipais para coñecer aos traballadores do Concello, a Alcaldesa, Lara Méndez, estivo na mañá deste luns no Parque de Bombeiros de Lugo, encontro que aproveitou para trasladar ao persoal o “agradecemento en primeira persoa” polo bo traballo acometido durante a celebración do Arde Lvcvs, parabéns que tamén deu á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil.

A rexedora subliñou que o labor dos corpos e forzas de seguridade, xunto ao de todo o equipo organizativo, encabezado pola concelleira Carmen Basadre, os funcionarios do Concello, “que se dedicaron en corpo e alma estes tres días ao bo funcionamento da festa”, ademais do movemento asociativo que está detrás, “fixo posible que todo saíra con normalidade e sobre o previsto, a pesar da elevada afluencia de xente”. “Sería impensable facer un Arde Lvcvs aos niveis que está adquirindo sen a implicación das asociacións e colectivos que están detrás, e que cada ano se preparan e se empapan máis da historia romana”.

Lara Méndez confirmou así mesmo que se cumpriron as expectativas e unhas 600.000 persoas visitaron a cidade para participar nas 260 actividades organizadas. 

Durante a visita, o servizo de Bombeiros trasladoulle á Alcaldesa as necesidades que detectan en materia de persoal. Méndez, pola súa banda, garantiu “diálogo” e “vontade” para estudar ditas demandas. 

Formación do goberno

En canto aos prazos para a formación do Goberno local, a rexedora subliñou que esta semana continuarán os contactos para seguir avanzando e pechar acordos que garantan a constitución do executivo “canto antes”. Destacou neste senso que “non hai ningunha cuestión infranqueable para chegar a acordo; negociable, todas”. A Alcaldesa engadiu que non vai “escatimar” para garantir unha xestión municipal de calidade. “Queremos acotar o gasto o máximo posible, con dúas premisas: unha, de tres grupos municipais pasamos a seis, e dúas, non vamos renunciar a un goberno estable, funcional, eficaz e eficiente, para o que necesitamos medios materiais, económicos e de recursos humanos”, explicou.

22 de xuño de 2015 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.