Lara Méndez apela a buscar o máximo consenso para a estabilidade necesaria
A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, destacou este luns que a súa “preferencia é buscar o máximo consenso posible para buscar a estabilidade” no seu goberno en minoría de oito concelleiros. Ao respecto, manifestou que considera que “unha estabilidade de goberno é necesaria”. “Xa facía referencia no discurso de investidura de que é necesaria unha oposición leal, pero unha estabilidade de goberno para que non interfira nos veciños e veciñas de Lugo que é o que nos debe de preocupar a todos”, sostivo.
Así, comentou que explorará esa “estabilidade” cunha primeira rolda de reunións cos seis grupos que entraron na corporación. Para a tarde deste luns xa se programou unha con Lugonovo e o BNG, que foron os grupos que apoiaron a súa investidura.
“SON SEIS A REPARTIR”
En canto á esixencia de Lugonovo de rebaixar o número de asesores e de concelleiros con dedicacións exclusivas, a alcaldesa sinalou que “haberá que explicarlles que a situación no Concello é distinta, que non hai tres formacións que agora hai seis”.
“E agora somos seis a repartir ese presuposto e eses recursos e iso hai que poñelo enriba da mesa para valorar como queda esa composición, pero iso forma parte das negociacións que iniciaremos esta tarde”, abundou.
Lara Méndez, que exerce tamén como vicepresidente en funcións da Deputación de Lugo, aclarou que ten “un mes” para a constitución do goberno, valorou.
A alcaldesa de Lugo dedicará este luns “e mañá” a visitar “todos os servizos, que son o motor do Concello. “O Concello segue funcionando, nalgunhas cousas se ralentizará porque estamos á espera de conformar o goberno, pero o motor e a base forte dunha administración son os funcionarios”, sostivo.
“É a miña obriga ir saudalos persoalmente, agradecerlles o seu traballo e dicirlles que confío plenamente na súa acción”, subliñou a rexedora.
Sobre consellos que lle trasladara o seu predecesor, o tamén socialista José López Orozco, quen renunciou á súa acta para posibilidade o apoio de Lugonovo e BNG a un novo mandato do PSOE, Lara Méndez subliñou que queda “sempre con iso que transmite, esa proximidade co cidadán que di que é a base dun bo alcalde ou alcaldesa e esa é a base do éxito dun municipio”.











