Lalín tramita 70 solicitudes de cacharelas para a noite de San Xoán
O prazo de presentación rematou o pasado xoves, pero o concello tamén enviará as que cheguen ata hoxe como último día. O concello insta a cumprir as medidas de seguridade, que serán máis estritas na fogueira solicitada para o lugar da Cacharela pola proximidade ás casas.
A concellería de Medio Ambiente remitiulle ao servizo de Defensa Contra Incendios Forestais, da consellería de Medio Rural, 70 solicitudes para a realización de fogueiras durante a noite de San Xoán. Aínda que o prazo para presentar as solicitudes remataba o pasado 18 de xuño, o concello tramitará tamén as peticións que cheguen ata hoxe, como último día.
Lémbraselles aos solicitantes que deben cumprir escrupulosamente as medidas de seguridade previstas.
O volume do material combustible da fogueira non superará os 4 metros de diámetro nin os 3 metros de altura.
A separación entre as fogueiras e os edificios, árbores e demais obxectos que poidan resultar danados, será como mínimo de 12 metros. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non haxa almacenados productos inflamables nin zona forestal.
Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, aceites, etc., e en xeral calquera outra substancia que desprenda fumes tóxicos; así mesmo coidarase de non botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays) aínda que estean baleiros.
No suposto de que a fogueira se faga sobre terreos de uso público lousados ou asfaltados e pintados, os organizadores encargaranse de protexer o pavimento e pintura cunha capa de area de 10 centímetros en toda a superficie da fogueira que deberán retirar unha vez finalizada a actividade.
Ao finalizar a cacharela e, antes de abandonar o lugar desta, os responsables da organización coidarán que as cinzas queden totalmente apagadas.
Estas medidas deben ser máis estritas na fogueira solicitada para o lugar da Cacharela, na avenida Bos Aires, debido ao risco que supón a citada fogueira pola súa cercanía ás casas. Neste caso, as medidas da fogueira deben limitarse a 2 metros de diámetro e 1 metro de altura.











