Lalín ofrece unha nova imaxe tras o éxito da Noite Branca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O rexedor felicita á Asociación de Empresarios do Deza e ao Centro Comercial Aberto polo éxito da iniciativa. “Estamos demostrando que con pequenos xestos e custe cero se pode transformar Lalín e eliminar o ambiente pesimista que existía ata hai poucos días”, declarou o alcalde.

As rúas de Lalín viviron na noite do venres un ambiente e unha actividade como poucas veces se recorda na vila, coincidindo coa celebración da noite branca. O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, quixo felicitar á Asociación de Empresarios do Deza (AED) e aos comerciantes e hostelerios polo éxito e a boa organización desta iniciativa na que participaron 70 establecementos.

Cuíña puxo de relevo “o estupendo ambiente vivido nas rúas de Lalín” e a “magnífica afluencia de público”, que encheu especialmente de actividade zonas como a rúa Rosalía de Castro, a Praza das Pipas ou a rúa Colón.

Para o rexedor, o ocorrido na noite do venres “constitue a imaxe dun novo Lalín e demostra que con pequenos xestos e custe cero se pode mudar o ambiente de pesimismo que roldaba ata hai poucos días por un optimismo que beneficia moito ao municipio”. Rafael Cuíña falou da enorme cantidade de “comentarios positivos” escoitados en referencia ao bo ambiente e mostrouse esperanzado con que a intensa actividade vivida continúe durante o que resta de verán.

Por último, reiterou as súas felicitacións e o seu “máximo agradecemento” aos comerciantes e hosteleiros de Lalín pola súa participación.

27 de xuño de 2015 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.