Lalín abre as piscinas exteriores tras acometer tarefas de limpeza e obras de acondicionamento
As piscinas exteriores de Lalín abrirán ao público maña, día 1 de xullo. A apertura faise despois de efectuar traballos de limpeza nas instalacións e diversas obras menores de acondicionamento. O complexo terá un funcionamento semellante ao de anos anteriores, cun horario de uso ininterrompido, de 12.00 a 20.00 horas, e mantendo os prezos do verán pasado. Está previsto que a piscina exterior permaneza aberta ata o 31 de agosto, aínda que o prazo se podería ampliar de ser necesario. O concello contratou persoal de socorrismo, así como unha persoa encargada de recepción para cubrir o servizo ao longo deste verán.
O goberno municipal, tal e como indicou o tenente alcalde, Nicolás González Casares, ten a intención de rebaixar os prezos de entrada de cara a próximos anos, de modo que sexan máis económicos e mesmo gratuítos para os nenos. Mais a necesidade de modificar a ordenanza municipal vixente e os prazos administrativos derivados desta reforma, impiden aplicar a redución nesta tempada.
González Casares insistiu en pedir desculpas á cidadanía de Lalín “por non ter unha piscina de verán acorde ás necesidades dos lalinenses” e asegurou que en vindeiros anos o complexo exterior será adaptado para adecualo á demanda que del fai a veciñanza.











