Juan José Isorna convértese no primeiro Amigo da Fundación Heracles

Juan José Isorna
O Rio Natura Monbus Obradoiro e a Fundación Heracles gozan xa dos froitos da súa colaboración cos primeiros Amigos da Fundación Heracles. Os donadores, que colaboran así coa promoción do baloncesto de base, gozarán ademais duns grandes descontos no abono ao club nas próximas tres tempadas.
Juan José Isorna foi a primeira persoa que decidiu implicarse nesta iniciativa, realizando unha achega: “Paréceme un labor social interesante para o futuro do club, porque ademais supón a promoción do baloncesto na cidade. Fundamentalmente coa promoción do baloncesto de base, tema co que creo que estou bastante sensibilizado”, explica.
Ademais dese desconto de 50 euros en cada tempada das tres seguintes, Juan José Isorna non terá subida do prezo do abono durante este tempo. Tamén gozará de invitacións durante os tres seguintes cursos, preferencia á hora de adquirir os abonos da Copa do Rei 2016 e transporte gratuíto para esta desde Compostela, entre outras vantaxes. O xa actual abonado do club cre que “das axudas que ten a achega á Fundación Heracles, importoume principalmente o tema económico, sobre todo á hora da rebaixa do abono. Tamén no resto de vantaxes , as cales vexo moi interesantes: a dedución na Renda, invitacións para poder regalar a amigos, etc”.
Juan José Isorna, que espera a saída da Campaña de Abonados para completar o proceso renovando o seu abono, tamén confía en que este novo ano axude a que podamos ver baloncesto de nivel durante moito tempo en Santiago: “Deportivamente espero que o Rio Natura Monbus Obradoiro logre consolidarse na Liga Endesa, e de cara aos novos retos como son a Copa do Rei, que teñamos unha presenza digna e que sirva para a promoción do club en Galicia e no resto de España”, aventurou.
Todo aquel que queira facerse Amigo da Fundación Heracles poderá completar o sinxelo proceso en oficinas, informándose de como o seu abono lle pode saír incluso gratis, ou mediante a páxina web www.fundacionheracles.org.











