Invístense preto de 85.000 euros a través do Plan marco 2014-2015 para mellorar dous camiños na zona de Louredo
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Pérez Dubois, visitou esta mañá dous camiños na zona de Louredo para comprobar as obras de mellora que se executaron ao abeiro do Plan Marco 2014-2015 de mellora de camiños de titularidade municipal da Consellería de Medio Rural e do Mar.
Coma explicou Bravo Bosch, o departamento que dirixe a conselleira Rosa Quintana concedeu a axuda solicitada polo Concello de Mos ao abeiro do Plan Marco do período 2014-2015 para executar a mellora da pavimentación dos camiño Quintal e Arrufana, na parroquia de Louredo.
O investimento da obra chegou case aos 85.000 euros (84.468,89), sendo a cantidade subvencionable pola Administración autonómica de case 70.000 euros (69.809 euros) mentres que o goberno local fíxose cargo do resto, que corresponde ao pago do IVE.
As obras xa están rematadas e, concretamente, para mellorar a seguridade de ambos camiños que se atopaban en mal estado de conservación foi necesario mellorar o firme cunha capa de aglomerado en quente para o seu mantemento. Actuouse así nunha lonxitude superior aos 1,2 quilómetros nos dous subtramos do camiño do Quintal e da Arrufana así coma no seu vial de acceso cun ancho medio de 3 metros. Tamén se levaron a cabo actuacións de desbroce e despexe da vexetación e limpeza para, posteriormente, executar o aglomerado en quente ademais de rematar con 39 recrecidos dos pozos existentes.
Este tipo de actuacións son moi ben acollidas entre os veciños e veciñas das zonas nas que se actúa. De feito, a delegada salientou que con estes traballos “búscase dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas parroquias e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas zonas rurais”. En definitiva, a través de distintos programas deste tipo de axudas ao medio rural, o Concello de Mos recibiu no período 2009-2015, preto de 300.000 euros para actuacións en zonas rurais do municipio.
O novo Plan Marco 2014-2015
Ao abeiro do novo Plan Marco, que este ano está cofinanciado entre a Consellería de Medio Rural e do Mar e a Deputación de Pontevedra, nos 14 concellos pertencentes á área territorial de Vigo o investimento deste Plan chega a ser de preto de 1,3 millóns de euros, o que supón un incremento con respecto ao período 2013-2014 de case un 75%.
O novo Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), vén de ser unha continuación do plan 2013-2014 e o seu obxectivo principal é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, poñendo en valor as dotacións existentes de infraestruturas básicas, e levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural.
Os criterios de reparto para desenvolver o Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015 foron consensuados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). A través deste convenio, os concellos da provincia de Pontevedra benefícianse dun investimento de arredor de 5 millóns de euros (4.885.847,90€). Destes fondos, un total de 2.304.476 euros corresponderon á anualidade de 2014 e os 2.581.371 euros restantes á anualidade de 2015. Os concellos aportarán o IVE dos proxectos co cal o investimento total na provincia será de máis de 6 millóns de euros.











