Inícianse as visitas guiadas polo Museo de Pontevedra
O vindeiro mércores 1 de xullo o Museo de Pontevedra inicia o programa de visitas guiadas de verán, dirixido ós visitantes que desexen coñecer a historia dos edificios e das pezas que integran o Museo.
As visitas, dirixidas ó público en xeral, realizaranse de martes a venres, en dúas quendas: de mañá, ás 12:00 h, e de tarde, ás 19:00 h. En ambos os dous casos o percorrido iniciarase no Sexto Edificio.
Cunha duración aproximada dunha hora farase un breve percorrido polo Sexto Edificio e o Edificio Sarmiento, nos que se amosarán algunhas das principais obras da colección do Museo.
As persoas interesadas non terán que inscribirse previamente pero establécese un máximo de 25 participantes por visita.
O programa, que complementa as actividades que o Gabinete Didáctico dirixe ós grupos que diariamente visitan o Museo, prolongarase ata o 28 de agosto.
A ruta nocturna do Museo
Con motivo da celebración do aniversario do Museo, que abriu as súas portas o 10 de agosto de 1929, levarase a cabo, un ano máis, a ruta nocturna durante o mes de agosto.
Os venres 21 e 28 de agosto realizarase un percorrido pola historia dos edificios do Museo cunha ollada diferente, baixo a luz e as sombras do horario nocturno. Neste percorrido, que comezará ás 21:00 h nas Ruínas de San Domingos, farase fincapé nalgunhas das obras máis relevantes do conxunto do Museo.
Para participar nestas rutas é preciso inscribirse previamente, xa que o número máximo de participantes por visita é de 30 persoas.
A inscrición pode realizarse no correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es ou, de 8:30 a 14:30 h, no teléfono 986 804 100, extensión 42413.











