Inícianse as labores de drenaxe e a construción de beirarrúa no recinto escolar da Lomba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O concelleiro de Servizos Municipais e Obras, Lino Mouriño, informou que xa están en marcha os traballos de mellora do recinto escolar da Lomba que financia o Concello a través do Plan Municipal de Investimentos. Trátase da segunda fase de drenaxe do patio e a construción dunha beirarrúa na liña da parada de autobuses do exterior do recinto.

As actuacións xa estaban contratadas, pero estábase a esperar ao remate do curso para realizalas para non interferir na actividade escolar e previr posibles riscos e garantir a seguridade dos escolares. Os alumnos deron vacacións o pasado venres, polo que Mouriño ordenou o inmediato inicio das obras que teñen que estar rematadas e supervisadas antes do setembro, cando comeza o novo curso.

Espina y Delfín executa a actuación de canalización de augas pluviais e construción de beirarrúa interior no recinto dos colexios A Lomba e Arealonga. Esta actuación completa á realizada uns meses no patio e que non logrou resolver de forma definitiva os problemas de acumulación de auga no recinto cando chove con certa intensidade, polo que a comunidade escolar demandaba unha solución.

As melloras neste recinto escolar complétanse coa construción da beirarrúa na rúa exterior, en concreto na marxe da liña da parada do transporte escolar que, ata o de agora carecía desta necesaria medida de seguridade para os nenos e nenas que fan uso do bus. Esta actuación está sendo executada por Moncosa OHS.

23 de xuño de 2015 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.