Inaugúranse as novas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias en Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, acompañada da directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, inaugurou este mediodía en Lugo as novas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias. Alí a conselleira destacou o papel fundamental deste laboratorio na creación de novos produtos e definiu esta aula como “unha peza clave no devir do noso sector lácteo, grazas ao potencial na mellora de produtos lácteos, no desenvolvemento de outros novos e na incorporación de innovadoras liñas de traballo”.

Rosa Quintana sinalou que o I+D+i que desenvolven estas instalacións e a súa aplicación á industria láctea “permitirán converter esas oportunidades que se presentan ante o novo escenario sen cotas en realidades de negocio, mediante o desenvolvemento de produtos que xa contan cunha ampla e crecente demanda nos mercados interno e externo”.

Neste sentido, destacou como oportunidade no mercado interno a situación de que España importa cada ano dous millóns de toneladas de queixos e outro de leite para satisfacer as súas necesidades. Ademais, no mercado externo, Asia, China e o Norte de África rexistran unha crecente demanda de produtos lácteos, produtos que debemos elaborar en po ou deshidratados para a súa exportación, e iso é outra oportunidade, salientou. Por iso, dentro deste novo escenario sen limitacións de produción, a conselleira apelou “a ocupar ese espazo de mercado interno que hoxe está en mans foráneas e ampliar o noso mercado externo”.

A liña a trazar neste cometido debe ir dirixida, segundo sinalou a conselleira, a dar resposta ás novas esixencias e tendencias dos mercados nos que o consumidor final, cada vez máis, demanda produtos lácteos enriquecidos. De aí que debamos avanzar cara a elaboración destes produtos de 3ª ou 4ª xeración, xa que “contan cun importantísimo valor engadido respecto do catálogo tradicional”.

Para a procura deste obxectivo, a conselleira destacou a solidez e o potencial do sector lácteo galego grazas a un fondo proceso de profesionalización das explotacións nas últimas dúas décadas e tamén á calidade do leite producido nas nosas granxas. Incidiu ademais na necesidade do traballo conxunto entre todos os axentes do sector lácteo, desde o produtor ao consumidor final, pasando pola industria transformadora, a comercialización, a distribución, a Administración e tamén as universidades. Nesta andaina, subliñou Rosa Quintana, a Aula de Produtos Lácteos ten un cometido crucial e pode ser un elemento fundamental no futuro do sector lácteo.

Novas instalacións

A planta piloto de industrias lácteas ocupa unha superficie de 575 m2 repartidos nunha área de produción, laboratorios, área de administración, sala de máquinas, vestiarios e aseos e accesos e corredores.

As instalacións e medios técnicos cos que está dotada permiten reproducir a escala reducida os procesos máis representativos da industria láctea como recepción de leite cru, termización e estandarización do leite, tanto en materia graxa, como en proteínas e extracto seco. Tamén se pode realizar nesta planta a pasteurización e homoxeneización do leite e produtos lácteos, a elaboración de queixos, de leites fermentados (iogures firmes, batidos, líquidos…) e de produtos UHT (produtos líquidos, produtos viscosos…).

1 de xuño de 2015 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.