Iago Aspas xa é oficialmente xogador do Celta tras asinar o seu contrato

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVigo
A-
A+
Iago Aspas asina como xogador do Celta

Iago Aspas asina como xogador do Celta

Iago Aspas, un dos futbolistas máis queridos e admirados pola afección, selou esta tarde o seu regreso ao Real Club Celta, a súa casa. Tras superar o recoñecemento médico, o dianteiro moañés asinou o seu novo contrato na sede social do club xunto ao presidente Carlos Mouriño. O canteirán, que vestirá a camiseta do club vigués durante as próximas 5 tempadas, preséntase ante o celtismo este venres en Balaídos.

A porta 18 do estadio abrirase aos afeccionados ás 19:30h e media hora despois, ás 20:00h, comezará unha das presentacións máis emocionantes das últimas tempadas. Os asistentes poderán presenciar a rolda de prensa do xogador e a tradicional sesión fotográfica vestindo o novo equipamento Adidas. As cámaras de CeltaTV farán un seguimento de todo o evento, que se retransmitirá a través dos videomarcadores e a megafonía do estadio. Aspas pechará a súa presentación cun lanzamento de balóns asinados á bancada.

#CrecemosXuntos: únete á familia celtista!

O club anima a todos os afeccionados a asistir a este ilusionante reencontro e aproveitar a ocasión para achegarse aos despachos de billetes de Balaídos e aproveitar as vantaxes especiais que ofrece a Campaña de Abonados ata o próximo 30 de xuño. As renovacións realizadas ata esa data poderán beneficiarse dun 5% de desconto sobre o prezo final, acumulable aos descontos de accionista e familiar ata un máximo do 15%, e tanto renovacións como novas altas estarán exentas no pago de suplementos durante toda a tempada nos partidos designados como ‘Días do Club’.

Os despachos de billetes permanecen abertas de luns a venres en horario ininterrompido de 10h a 20h, mentres que a plataforma online www.celtavigo.org/abonosCelta permite tramitar o carné en calquera momento da semana.

18 de xuño de 2015 | 20:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.