Iago Aspas regresa ao club vigués

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVigo
A-
A+

O nome do primeiro reforzo do Real Club Celta para a tempada 2015/2016 non podería ser máis reconocible, admirado e querido para o celtismo. O club vigués e o Sevilla chegaron hoxe a un principio de acordo que suporá, unha vez pasado o recoñecemento médico e pechado o proceso, o regreso de Iago Aspas á súa casa.

Seis anos e seis días despois daquela máxica irrupción de Iago Aspas no Celta, daquel inesquecible debut con dous goles ao Alavés que selaron a permanencia, o canteirán volve ao seu fogar. Celta e Sevilla alcanzaron un principio de acordo para a chegada do dianteiro ao club vigués, onde se formou, onde viviu, desde neno.

Unha vez conclúa o proceso e pase o recoñecemento médico, Iago Aspas será presentado coa súa camiseta, a do Real Club Celta, ante a súa afección. Un evento, sen dúbida especial, que terá lugar nos próximos días.

Iago volve dúas tempadas despois da súa marcha cara a Liverpool e o seu paso polo Sevilla, equipo co que anotou 10 goles, proclamouse máximo goleador da pasada edición da Copa do Rei e desde onde volve co título de campión da Uefa League.

Crecemos Xuntos

Este anhelado regreso enche de contido o lema da campaña de abonados do club para a próxima tempada: Crecemos Xuntos. A campaña segue a súa marcha tras dúas semanas nas que se rexistrou unha gran actividade nos novos despachos de billetes do estadio de Balaídos, abertas de luns a venres de 9.00 a 20.00 horas de maneira ininterrompida.

O club insiste en animar a abonados e afeccionados a que tramiten canto antes o seu carné para gozar das vantaxes e descontos que inclúe a campaña ata o día 30 de xuño e evitar as aglomeracións que poderían producirse nos últimos días do mes.

12 de xuño de 2015 | 20:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.