Gran éxito da festa da escuma infantil da Festa da Rosa
A festa infantil incluída no programa das Festas da Rosa 2015 que, por motivos climatolóxicos, fora trasladada do sábado 13 de xuño a onte, luns día 15, que foi ademais festivo local; resultou todo un éxito de afluencia contando con máis de 300 cativos mosenses participantes. Esta actividade estivo organizada conxuntamente polas concellerías de Cultura, Educación e Participación Cidadá, e Medio Ambiente.
A festa infantil Diverte Mos, como así foi titulada, levouse a cabo no parque de Sanguiñeda en horario de 17.00 horas a 20.30 horas e contou coa traca final da Festa da Escuma, que tanto lles gusta a todos os nenos e nenas. A entrada foi libre e de balde para tódolos cativos e as súas familias.
Sobre esta festa a concelleira de Cultura e responsable da programación da Festa da Rosa, Sara Cebreiro, declarou que “os nenos son o noso futuro, por iso os temos moi presentes tanto na Festa da Rosa como no resto da programación cultural ao longo do ano e por iso decidimos organizarlles esta actividade que sabíamos que lles encantaría”.
Dende o departamento de Cultura en particular dende a administración local mosense en xeral, sempre se teñen moi presentes ós nenos e nenas á hora de deseñar actos lúdicos e culturais, tanto na programación da Festa da Rosa, coma no Nadal, no Entroido, no Día do Libro, nas Letras Galegas, etc. Ata no Día Internacional da Muller foron os verdadeiros protagonistas deste ano co concurso de relatos que se puxo en marcha dende a concellería de Benestar Social, que tamén dirixe Cebreiro, co título “Dende nenos abrazando o futuro da muller”.
Por todo isto se lles adicou ós pequenos mosenses a tarde de onte cunha gran festa infantil no parque de Sanguiñeda, onde puideron desfrutar de inchables, obradoiros, música e a Festa da Escuma que tanto lles fascina.











