GaliciaLe na Biblioteca Vidal Pazos de Marín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

Os socios da Biblioteca Pública Vidal Pazos xa poden ler libros electrónicos no seu dispositivo.

Préstamo dixital gratuíto

GaliciaLe é a plataforma para o préstamo de libro electrónico nas bibliotecas públicas galegas, desenvolvida pola Consellería en colaboración coa Amtega e co Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. O obxectivo deste programa é incrementar as posibilidades de lectura neste formato poñendo á disposición da cidadanía galega unha importante colección de títulos actuais en formato electrónico, en galego e en castelán, de xeito gratuíto.

Este novo servizo en liña supón un importante fito na ruptura das dificultades que a dispersión xeográfica pode supoñer en Galicia para o acceso ao cultura, xa que as descargas poderán realizarse desde a casa, sen necesidade de desprazarse á biblioteca.

Para facer uso deste novo servizo soamente é necesario ter o carné de lector ou lectora dalgunha das bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, conexión a internet e rexistrarse na plataforma virtual para obter as claves de acceso. O usuario ou usuaria poderá tomar en préstamo ata un máximo de dous libros durante un prazo máximo de 21 días. Se a obra ou obras que se buscan están prestadas, poderanse solicitar en reserva (ata un máximo de dúas). Unha vez realizado o préstamo, o usuario poderá optar pola lectura en liña ou descargar o libro electrónico en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais e/ou lectores electrónicos.

A colección está composta por 1.710 títulos que cobren diferentes campos da cultura e do coñecemento e van dirixidos tanto ao publico adulto como infantil, estruturados en oito campos: ficción para público adulto, infantil e xuvenil, ciencia e tecnoloxía, ciencias sociais e humanidades, saúde, desenvolvemento persoal, ocio, deporte e informática, idiomas, audiolibros, aplicación interactiva e, proximamente, álbum ilustrado. 

Estender a lectura e ampliar as coleccións

Con este novo servizo bibliotecario, ademais de ofrecerlle a toda a cidadanía a posibilidade de tomar en préstamo, de forma gratuíta, obras en formato dixital, a Consellería de Cultura e Educación tamén pretende estender a lectura a novos sectores sociais que non son usuarios habituais dos servizos presenciais das bibliotecas públicas; aumentar o volume, a actualización e a diversidade de contidos e de soportes das coleccións das bibliotecas públicas galegas; e impulsar o consumo legal de contidos dixitais de calidade e actuais.

1 de xuño de 2015 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.