Galicia esixe unha maior solidariedade entre estados para afrontar o problema da migración

Gamallo na reunión da comisión CIVEX
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta mañá en Kolobrzeg, Polonia, na cuarta reunión do ano da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité das Rexións europeo (CdR).Neste encontro debatéronse tres ditames. O maior debate centrouno un documento de traballo sobre a nova Axenda Europea de Migración. O CdR apoia as medidas da Comisión presentadas en maio pero defende neste documento a importancia da solidariedade entre Estados membros para facer fronte ao fluxo migratorio, a necesidade de incrementar o presuposto en función das necesidades de rescate ás que se faga fronte e a importancia de cooperar coas autoridades rexionais e locais, que son as que están máis preto nas situacións de emerxencia. O documento destaca a importancia da cooperación cos países de orixe dos migrantes para poñer en marcha de forma efectiva o programa de retorno. A migración foi marcada como unha das prioridades da Comisión Europea ao comezo do mandato de Jean-Claude Juncker, quen presentou a súa nova Axenda Europea da Migración o pasado mes de maio para dar resposta á crise do Mediterráneo.
Por outro lado, aprobouse un borrador de ditame sobre a Iniciativa Cidadá Europea (ECI polas súas siglas en inglés) que pretende que este instrumento de participación democrática sirva para crear un verdadeiro diálogo aberto cos cidadáns e así evitar futuras sensacións de desencanto. A Iniciativa Cidadá Europea é un mecanismo que se introduciu en 2012 para permitir que un millón de cidadáns da UE que residan en polo menos un cuarto dos estados membros envíen á Comisión unha proposta lexislativa que considere que é necesaria conforme aos tratados da UE. Este ditame do CdR defende que é preciso revisar o regulamento da ECI para eliminar os obstáculos ao seu uso e facilitar que os cidadáns poidan achegar á UE estás iniciativas.
Os representantes das rexións e cidades tamén debateron sobre a nova Política Europea de Veciñanza que o presidente Juncker prometeu que sería revisada antes de acabar o primeiro ano do seu mandato. O CdR pretende con este ditame recordar que esta política debe involucrar a todos os niveis de goberno dunha forma transparente e comezando polas autoridades rexionais e locais. Posta en marcha en 2003, a Política Europea de Veciñanza pretende mellorar as relacións da UE cos seus países veciños, nomeadamente de Europa Oriental, Oriente Medio e o Norte de África e dar apoio a aqueles países en procesos de transición cara a democracia, o estado de dereito e os dereitos humanos. Esta proposta de ditame defende a necesidade de implicar o nivel rexional e local en todas as accións da UE relacionadas coa política europea de veciñanza, a importancia de que a UE siga a ser o socio principal destes países nos seus procesos de transición e que é preciso deseñar estratexias específicas para cada país veciño.
Por último, neste encontro debateuse un proxecto de resolución sobre a futura configuración institucional da UE titulada “O tratado de Lisboa e máis alá”, que se votará na vindeira sesión plenaria do CdR de xullo, en consecuencia do debate aberto sobre a axenda de reforma do funcionamento da Unión Europea propiciado principalmente polo anuncio do Reino Unido de celebrar un referendo sobre a súa permanencia na UE. Nesta resolución o CdR pretende, dentro do marco do tratado actual, desenvolver o seu potencial participando de forma máis activa no proceso lexislativo da UE, por exemplo estando presente nas discusións sobre Política de Cohesión como observador ou realizando avaliacións do impacto territorial da lexislación, entre outras medidas.
Seminario sobre Política Europea de Veciñanza
Ademais da reunión da comisión CIVEX, os representantes rexionais e locais membros desta comisión participarán mañá nun seminario sobre a forma de poñer en marcha a Política Europea de Veciñanza empregando como catalizador a experiencia europea da política rexional. O encontro centrarase no papel fundamental das rexións para alcanzar os obxectivos desta política e na situación das asociacións cos países veciños do leste – especialmente en Ucraína – e do sur de Europa tras o cumio celebrado en Riga o pasado mes de maio. O CdR contribúe a esta política a través da Conferencia de Autoridades Rexionais e Locais para a Asociación Oriental (CORLEAP) e da Asemblea Rexional e Local Euromediterránea (ARLEM). Neste encontro, ademais do presidente do CdR, Markku Markkula, intervirá por videoconferencia o comisario de Política Europea de Veciñanza e Negociaciones de Ampliación da UE, Johannes Hahn.
A comisión CIVEX do Comité das Rexións
O Comité das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
Neste mandato, Galicia participa nas comisións NAT e CIVEX do CdR. A comisión CIVEX encárgase de temas como a cidadanía activa, a política de inmigración e as relacións exteriores. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi reelixido como portavoz na comisión CIVEX para este novo mandato do CdR, que rematará en 2020.











