Galicia defende a acuicultura como sector estratéxico para fomentar a creación de emprego

Gamallo na reunión externa da comisión de Recursos Naturais
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Vila Nova de Gaia, Portugal, nunha reunión externa da comisión de Recursos Naturais (NAT) onde se debateu e aprobou o ditame sobre o futuro da acuicultura do que Gamallo é relator no seo do Comité das Rexións europeo (CdR).
O obxectivo do CdR coa elaboración deste ditame é identificar os obstáculos que dificultan o bo desenvolvemento da acuicultura e recomendar así posibles solucións, xa sexa facilitando a obtención de licencias ou en ámbitos como a competición polo espazo na costa e nas marxes fluviais. Os entes rexionais e locais son os que están mellor capacitados para promover este sector de gran potencial debido ao perfil innovador da maioría das súas empresas, á gran capacidade de absorción que ten o mercado europeo para absorber os seus produtos e á súa capacidade de xerar emprego. Gamallo recordou que ademais hai que aproveitar as oportunidades que ofrece o Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro (FEMP) 14-20, que por primeira vez sitúa á acuicultura no mesmo plano que as outras actividades pesqueiras.
Entre as medidas que propón o documento de ditame para favorecer o bo desenvolvemento do sector acuícola, destaca a simplificación dos procedementos administrativos e do acceso ao espazo, a importancia de apoiar a innovación para explotar o potencial deste sector ou a necesidade de promover os mercados locais, entre outras.
Actualmente, estase vivindo un estancamento do sector da acuicultura, malia constituír un complemento importante aos alimentos que ofrece a pesca extractiva. En anteriores ditames, o CdR ten apoiado o impulso da acuicultura ao considerala unha industria estratéxica e creadora de emprego, cuxo desenvolvemento pode axudar á UE a alcanzar os seus obxectivos en materia de cohesión territorial e crecemento económico.
Europa importa ata un 70% do pescado que consume. Gran parte dese pescado provén da produción acuícola e supón en ocasións interrogantes en cuanto a sustentabilidade medioambiental, cumprimento da normativa pesqueira e dos dereitos dos traballadores. Fronte a isto, os produtores acuícolas europeos destacan pola súa especialización e por un valor engadido tecnolóxico. Sen embargo, a produción acuícola en Europa segue a soportar numerosos obstáculos que dificultan o seu crecemento como industria.
Seguindo o proceso para a elaboración deste ditame, que se prevé aprobar na sesión plenaria do CdR do vindeiro mes de outubro, o pasado 5 de maio os representantes rexionais e locais membros da comisión NAT debateron sobre o documento de traballo previo deste ditame. Tamén participaron naquel debate un alto funcionario da Comisión Europea e varios representantes de diversas asociacións tanto medioambientais como de produtores. Con anterioridade, Jesús Gamallo e Juan Maneiro, secretario xeral do Mar da Consellería de Medio Rural e do Mar e experto designado para a elaboración do ditame, reuníronse o pasado mes de abril coas partes interesadas do ditame para recoller as súas suxestións. Todas estas aportacións teñen sido escoitadas e tidas en conta á hora de elaborar o documento de ditame.
Nesta reunión, tamén se presentaron dous documentos de traballo referidos a outros dous ditames de iniciativa elaborados por membros da comisión NAT, un sobre a simplificación da Política Agraria Común (PAC) e outro sobre a innovación e modernización da economía rural. No debate destes documentos, ademais dos representantes rexionais e locais tamén participaron varios funcionarios da Comisión Europea.
Reunión sobre a economía rural
Ademais da reunión da comisión NAT celebrada hoxe en Vila Nova de Gaia, os representantes rexionais e locais membros desta comisión reuníronse onte para abordar asuntos relacionados coa innovación e modernización da economía rural.
A estratexia Europa 2020 da prioridade ás cidades e áreas metropolitanas como motor do crecemento, pero alcanzar os obxectivos da Estratexia Europa 2020 e manter a cohesión territorial é imposible sen involucrar a todos os eixos potenciais do crecemento, incluídos os rurais. Esta reunión centrouse precisamente en examinar o papel que os axentes rurais poden xogar nesta Estratexia para favorecer a modernización da economía rural.
Gamallo interveu para chamar a atención sobre a cuestión demográfica especialmente no relativo o envellecemento da poboación e a dispersión xeográfica, problemas que afectan especialmente as áreas rurais, e destacou a importancia da innovación e a investigación en actividades forestais ou gandeiras como mellor forma de fixar poboación no rural. Tamén explicou que a Eurorrexión Galicia Norte de Portugal está a traballar nunha Estratexia de Especialización Intelixente conxunta (RIS3) onde se contempla a aplicación da innovación ós recursos naturais.
Nesta liña de colaboración e na perspectiva da creación dun Intergrupo sobre a cooperación transfronteiriza no seo do Comité das Rexións, Gamallo propuxo que os membros da Eurorrexión membros do CdR podan manter reunións co obxectivo de tratar os asuntos de que coñece o CdR desde unha perspectiva eurorrexional.
A comisión NAT do Comité das Rexións
Galicia foi designada no mes de marzo para liderar un ditame sobre o futuro da acuicultura na comisión NAT do Comité das Rexións. O Comité das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
Neste mandato, Galicia participa nas comisións NAT e CIVEX do CdR. A comisión NAT encárgase de temas como a Política Agrícola Común (PAC) e desenvolvemento rural, a pesca, o turismo, a política marítima ou a silvicultura.











