Gadisa abre un novo supermercado nunha céntrica rúa en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Novo Gadisa en Santiago

Novo Gadisa en Santiago

A cadea Gadisa abriu este xoves un novo supermercado de 1.000 metros cadrados na céntrica rúa Montero Ríos de Santiago de Compostela, no que traballarán 37 empregados, tras crearse nove postos de traballo. Este novo Gadis atópase case en fronte do que tiña a cadea nesta rúa, que se trasladou a un local moito máis amplo e moderno, no que terán especial presenza os produtos frescos como carnes ou peixes.

Nesta xornada inaugural multitude de clientes achegáronse xa a comprar este supermercado, que abre as súas portas de 9,00 horas a 21,30 horas.

En declaracións aos medios no establecemento, o director de Comunicación de Gadisa, José Luis Fernández Astray, explicou que con esta instalación se busca mellorar “o servizo aos clientes”, que poderán facer a súa compra “dunha forma moito máis cómoda e áxil”, a través de “prezos competitivos”.

Pola súa parte, o delegado da Área de Santiago, Román Roo, explicou que os clientes que realicen compras superiores aos 18 euros terán unha hora gratis de aparcamento no parking do Araguaney.

UNHA DECENA DE SUPERMERCADOS EN SANTIAGO

Na actualidade existe unha decena de establecementos Gadis na área de Santiago de Compostela, mentres que está previsto que a ampliación que se está a facer no supermercado da rúa Concheiros, en Santiago, estea operativa dende o 16 de xullo.

Gadisa conta cunha cota de mercado que rolda o 23% en Galicia, e prevé novas aperturas nos próximos meses de establecementos, así como ampliacións e melloras.

18 de xuño de 2015 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.