Gabriel Campo, Rubén Millán, Tono Campos e Diego Romero clasifícanse para disputar o Campionato do Mundo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Gabriel Campo e Rubén Millán

Gabriel Campo e Rubén Millán

Gabriel Campo e Rubén Millán, en K-2 1.000 metros, e Tono Campos e Diego Romero, en C-2 1.000 metros, lograron a súa clasificación para disputar o próximo Campionato do Mundo que se celebrará en Milán no mes de agosto. Os catro padexeiros lograron os seus obxectivos no control selectivo que se disputou en Verducido. Os seus rivais foron tamén galegos.

Gabriel Campo e Rubén Millán tiveron como adversarios a Víctor Rodríguez e Roi Rodríguez. Todos eles pertencen ao Kaiak Tudense. Os gañadores impuxéronse na liña de chegada e demostraron ser os máis fortes. A loita foi intensa durante case toda a regata, ata que o canario Víctor Rodríguez e o tomiñés Roi Rodríguez comprobaron que era imposible alcanzarlles. Gabriel Campo e Rubén Millán mostráronse satisfeitos polo logro conquistado, pero ambos recoñeceron que “era difícil loitar contra padexeiros que son compañeiros de equipo. Foi complicado pero xa estamos no Mundial que era o noso obxectivo”.

Tono Campos e Diego Romero, no C-2 1.000 metros, tiveron en fronte a José Luís Bouza e Adrián Sieiro, por unha banda, e a Sergio Vallejo e Brais Casas por outro. O vento deixouse notar nunha regata que se mantivo igualada ata os 500 metros. Foi a partir dese instante cando os compoñentes do Breogán do Grove mostraron a súa superioridade. José Luís Bouza, do Kaiak Tudense, e Adrián Sieiro, do Poio Conservas Pescamar, foron segundos. Sergio Vallejo, tamén do Poio, e Brais Casas, do conxunto tudense, foron terceiros.

Tanto Tono Campos como Diego Romero sinalaron que “as cousas saíron perfectas. Os rivais eran moi bos e houbo que empregarse a fondo. Este triunfo permítenos agora preparar o Mundial con toda a intensidade, xa que é un dos obxectivos da tempada”.

Os catro padexeiros galegos clasificados terán a oportunidade de loitar por unha praza nos próximos Xogos de Brasil, xa que competirán en distancias olímpicas. O Mundial será a terceira semana de agosto en Milán.

6 de xuño de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.