Festival de fin de curso da Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense
A Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense pecha as actividades do curso 2014-2015 mañá sábado cun festival que pon o punto final das actividades desenvolvidas polos alumnos ao longo deste período lectivo. Será no Teatro Principal de Ourense, en dúas sesións (18.00 horas e 20.00 horas), onde se darán cita máis de douscentos artistas que ofrecerán un espectáculo composto por un amplo repertorio de cancións, músicas e bailes tradicionais.
A actividade da Escola de Danza continuará durante a tempada estival, coa participación en diferentes festivais de folclore de España e Portugal, así como en distintas festas tradicionais da nosa provincia. O curso 2015-2016 dará inicio en outubro, e toda persoa maior de 5 anos que desexe matriculase poderá formalizar a súa inscrición durante o mes de setembro.
Máis información no teléfono 988317880 ou no correo electrónico ccpescoladanza@depourense.es
Obradoiro de Teares
Por outra banda, o Obradoiro de Teares do Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo” da Deputación de Ourense inaugura o vindeiro luns, 15 de xuño, ás 19.00 horas, a súa exposición nas instalacións situadas no centro comercial “As Lagoas”, unha mostra que poderá ser visitada de luns a venres, dende o día 15 até o 30 de xuño, en horario de mañá e tarde.
A exposición está composta por diferentes pezas elaboradas polos máis de 50 alumnos que tivo o obradoiro neste curso, no que se impartiu formación para a utilización dun tear tradicional, aspectos referidos aos tecidos tradicionais (o liño e a la) e tecidos modernos, e formación sobre as diferentes variedades de puntos e a súa elaboración no tear: teas finas, deseño de tapices e alfombras e elaboración de roupa do fogar. Para máis información: teléfono 988317880.











