publicidade hoxe

Festa de clausura dos programas ‘Kero-Kolo’ e ‘Kero-Kedar’ en Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O vindeiro 16 de xuño, os programas ‘Kero-Kolo’ e ‘Kero-Kedar’ vivirán a súa festa de fin de curso, para clausurar a terceira e segunda edición respectivamente dos mesmos, coa realización de actividades lúdicas e deportivas para os/as pequenos/as e os seus proxenitores.

Esta iniciativa terá lugar desde ás 17 horas na área recreativa de Tintores -se as condicións meteorolóxicas son adversas trasladarase, previo aviso, ao complexo deportivo de A Granxa-, e na mesma participarán os/as menores, pais e nais integrantes nos dous programas. Entre as actividades previstas están obradoiros de globoflexia, paracaídas, pintura de cara e mans, circuítos psicomotores, pesca, tragabolas, unha merenda infantil; ademais de participar efectivos do Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e Cruz Vermella.

Por outra banda, xa se abriu o prazo de inscricións para a vindeira edición dos programas ‘Kero-Kolo’ e ‘Kero-Kedar’, para o ano 2015-2016, que debe realizarse no departamento de Educación Familiar do Concello de Verín (Avda. de Portugal, 11 bis), no correo electrónico educadorafamiliar@verin.net ou no teléfono 988-414776; tamén no no edificio municipal do Lavadoiro (situado na esquina das rúas Rosalía de Castro e Lavadoiro) ou no teléfono 988-411468.

O programa ‘Kero-Kolo’ é un espazo de encontro entre pais/nais e nenos/as, de dous a tres anos de idade, onde conxuntamente coa familia e a persoa directora das sesións aprenden a relacionarse entre eles. O mesmo busca crear unha serie de actividades de interacción e participación entre os/as menores e as familias nas que se desenvolven iniciativas de educación infantil conxuntas e propostas por todos/as os/as participantes, é dicir, unha aula de convivencia que será unha antesala de entrada ao centro educativo e a compartir experiencias cotiás. Mentres que o ‘Kero-Kedar’, destinado a nenos/as de idades comprendidas entre 3 e 4 anos, trátase dun espazo de xogo e aprendizaxe entre iguais que serve de conciliación para as familias.

Os programas ‘Kero-Kolo’ e ‘Kero-Kedar’ atópanse enmarcados dentro da iniciativa Escola de Familia Municipal, posta en funcionamento polo departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín, e na que tamén se inclúen outras actividades como ‘ABC de Costura’, ‘Arte de Vestir’, ‘Kero-Kedar +’ Club de Calceta ‘Tecendo Soños’, ‘Sabedoría dos Recordos’, titoría de acompañamento sociolaboral e socioeducativa personalizada, ‘Se queres, podes’ ou accións formativas de reforzo educativo e de preparación para a obtención do graduado en ESO, entre outras. A iniciativa da Escola de Familia Municipal naceu como lugar de encontro, de formación e de intercambio de ideas, experiencias e actividades para todos/as verinenses, que incremente a sensibilización cidadá neste sentido. Está enfocada cara o desenvolvemento positivo de actividades que potencien competencias e actitudes cun carácter pragmático, con mensaxes sinxelos e claros entre as persoas participantes, na que se traballará o esforzo, a cooperación, a responsabilidade, igualdade, autonomía, respecto, aprendizaxe continuo, desexo de saber, creatividade, espírito crítico, asunción de riscos e aceptación de erros. 

3 de xuño de 2015 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.