Feijóo preside a graduación da II Promoción de Grao en ABE-BBA da Escola de Negocios Afundación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Feijóo no acto de graduación. Foto: C. Paz

Feijóo no acto de graduación. Foto: C. Paz

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a excelencia e a vocación internacional e innovadora da graduación da II Promoción de Grao en ABE-BBA da Escola de Negocios Afundación. “Ese espírito de excelencia –aseverou- será bo, sen dúbida, para as vosas carreiras profesionais, pero tamén para Galicia que desexa ver as vosas capacidades ao servizo desta terra”.

Durante a cerimonia, Feijóo subliñou que a función colectiva dos novos graduados será a de coller a unha Galicia que aspira a converterse nun pobo capaz de seguir mellorando e seguir transitando pola historia.

No seu discurso de clausura, o presidente da Xunta aludiu á reestruturación financeira que viviu España e na que Galicia “se xogaba cousas moi importantes”. Pois buscaba rendibilidade pero tamén “compromiso coa nosa terra, cos nosos sectores produtivos e coa nosa xente”. Un compromiso que se viu reflectido no mantemento dos miles de postos de traballo das antigas caixas de aforros, na recente declaración como ben de interese cultural do Fondo Bibliográfico e Documental de Abanca e tamén nos froitos que agora dá esta Escola de Negocios.

Así mesmo, afirmou que esta Escola conta coa estabilidade necesaria para seguir progresando no futuro, e agradeceu o traballo dos 440 docentes e de todos os profesionais que traballan no centro, animándoos a seguir contribuíndo á Educación dos galegos.

Nesta liña, animou tamén a manter e reforzar no futuro a colaboración coa Universidade de Vigo, xa que “que este título que hoxe recibides estea apoiado pola Universidade Pública é a proba de que institucións como esta a retroalimentan e complementan”.

8 de xuño de 2015 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.