Feijóo considera a renuncia de Orozco unha fraude perpetrada por Besteiro
O presidente da Xunta e xefe de filas do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves a traxectoria de Xosé López Orozco como alcalde de Lugo dende 1999 e atribuíu a súa marcha a unha “fraude” perpetrada polo líder socialista, José Ramón Gómez Besteiro, a quen só lle importa “o carguiño”.
“Os principios e a palabra dada non son o importante para o PSdeG; todo se fai para conseguir o carguiño”, censurou, ao ser preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta sobre a decisión de Orozco de renunciar á súa acta de concelleiro para facilitar un goberno de esquerdas na cidade.
Neste sentido, recordou que Besteiro asegurou en días pasados que sería “unha fraude” cambiar o candidato que os socialistas presentaron á cidadanía o pasado 24 de maio e, malia iso, “acábase de executar”. “Lamento este tipo de enganos”, sentenciou Feijóo, tras advertir de que “enganar os cidadáns” contribúe á “deterioración” da política.
Con todo, admitiu que sabía que “ía acontecer” o que este xoves anunciou Orozco, pois “cada vez” que Besteiro sostén que “non vai acontecer unha cousa” no seu partido teñen “indicios racionais de que a vai facer”. “E hoxe constátase”, resolveu.
Máis alá das súas críticas ao secretario xeral do PSdeG, o máximo mandatario autonómico agradeceu a Orozco “tódolos anos que foi alcalde” de Lugo e mostrouse “convencido” de que sempre traballou “o mellor posible” pola cidade.











