Federico Perego: “O scouting é cada vez máis e máis importante”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O III Clínic Unika “Desmontando ao adestrador axudante” continúa coa súa posta a punto, esperando que o fin de semana do 11 e 12 de xullo todos os asistentes poidan gozar das mellores aprendizaxes, impartidos por adestradores de primeiro nivel nacional e internacional. Federico Perego é adestrador axudante no Brose Baskets Bamberg, recente campión da Bundesliga alemá tras derrotar ao Bayern de Munich na gran final. Dese equipo é técnico principal Andrea Trinchieri, ex seleccionador grego e co que leva varios anos traballando.

A pesar de que fixeron un parón na súa unión o pasado ano, Andrea para irse a Kazajistán e Federico para traballar no Pafonni Omegna da LEIGA italiana, co equipo xermano xogaron tamén este ano a Eurocup. Xuntos xa compartiron varios anos en Italia, e agora volveron para sentar no mesmo banco e traballar para chegar a gañar este título.

Federico espera poder ensinar a súa experiencia no III Clínic Unika “Desmontando ao adestrador axudante”. “O obxectivo do meu discurso será mostrar cal é o meu traballo diario, centrándome en de que forma fago o scouting do equipo rival para poder dar informacións ao primeiro adestrador, e despois transmitirlla aos xogadores. Por tanto, falarei da preparación do partido, da información que sacamos despois e do proceso que vai desde o comezo da preparación ata as reunións de visionado de vídeos que temos cos xogadores”.  

O técnico do Brose Baskets Bamberg dará unha charla na primeira xornada do Clínic que se chamará “A creación do plan de partido a través do scouting”, e para el esta ferramenta é unha parte diaria do seu traballo. “O scouting é unha parte do traballo do grupo de adestradores e está cada vez chegando a ser máis e máis importante”

Do III Clínic Unika “Desmontando ao adestrador axudante” espera máis que ensinar, aprender: “A miña expectativa é volver con moita máis experiencia e coñecemento. No noso traballo este tipo de encontros son moi útiles e positivos para mellorar a través do intercambio de ideas”, afirma. 

Sobre o seu traballo na competición alemá aclara que apenas cambia de anteriores experiencias como a de liga LEIGA: “É certo que a liga alemá e a italiana son un pouco diferentes na forma de xogo, pero iso non cambia o noso traballo diario”. Tamén explica que traballa día a día para algún día ser el quen dirixa un equipo. “A experiencia diaria no noso traballo é fundamental e o certo é que eu mesmo vexo cada día como melloro nas miñas aptitudes e espero algún día ser o primeiro adestrador”.

A inscrición para o III Clínic Unika “Desmontando ao adestrador axudante” segue aberta. Xunto a Federico Perego estarán outros cinco adestradores axudantes de elite: Jenaro Díaz (adestrador axudante do Khimki BC – Super League Rusia); César Rupérez (adestrador axudante do Shanxi Xing Rui Flame – WCBA liga feminina chinesa);  Xota Cuspinera  (ex adestrador axudante do Laboral Kutxa – Liga Endesa); Ángel Sánchez Cañete (adestrador axudante do Unicaja Málaga – Liga Endesa) e Jesús Salga (adestrador axudante do Montakit Fuenlabrada – Liga Endesa).

22 de xuño de 2015 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.