Fantástica experiencia dos atletas pontevedreses no Campionato de España infantil
Valladolid acolleu o Campionato de España Infantil, na modalidade de por equipos, nas que participaba en cada proba dous atletas de cada equipo e ao que acudiu o combinado masculino da Sociedade Ximnástica de Pontevedra. O conseguir un posto de honra facíase moi complicado, pero aínda así os novos atletas pontevedreses competiron cunha gran ilusión.
Dos 30 equipos clasificados de toda España, a Sociedade Ximnástica acabou no posto 15. Se na primeira xornada, a puntuación parcial colocábanos os vixésimos, na xornada matinal do domingo remontouse ata esta décimo quinta posición.
Hai que destacar a gran actuación do equipo de substitución 5×80 metros, integrado por Antón Martínez, Antón Paz, Pedro Fernández, Juan Carlos Pérez e Roi Surribas; que con 52,99 segundos, conseguiron gañar a súa serie e a sexta praza na xeral; un dos seus integrantes, Antón Martínez, correu os 80 metros, conseguindo outra sexta posición con 10,45; mentres que o seu compañeiro Juan Carlos foi undécimo, con 10,72 na mesma proba.
No resto de actuacións do equipo pontevedrés, Pedro Santos no lanzamento de xavelina lanzou 22,59 metros; mentres que o seu compañeiro Roi Surribas alcanzou os 18,49; Ademais Pedro participou nos 1.000 metros, cun rexistro de 3.10.33 e nesta distancia Antón Paz correu en 3.17.75.
Antón Martínez tamén actuou no lanzamento de peso con 7,01 metros; o seu compañeiro Álvaro Piñeiro quedou en 5,13 metros. Antón Paz e Pablo Boleas, saltaron 1,30 metros na altura. Pedro Fernández en salto de lonxitude voou ata os 4,36 metros; mentres que Antón Olmedo chegou ata os 4,20 metros. Nos 80 metros valas, Pablo Boleas correu en 15.05 e o seu compañeiro Pedro Fernández fíxoo en 16.14. Por último nos 2.000 metros marcha, Álvaro Piñeiro realizou 15 minutos e 3,35 segundos; Antón Olmedo parou o crono en 13 minutos e 3,09 segundos.











