Europe Direct celebra no pazo de Mariñán o XXX aniversario da adhesión de España á Unión Europea
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, abriu esta mañá a xornada de conmemoración do XXX aniversario da adhesión de España á Unión Europea que tivo lugar no Pazo de Mariñán baixo a organización de Europe Direct. Durante a súa intervención, Calvo lembrou que no ano 1985 a entón chamada Comunidade Económica Europea sumaba 10 países, fronte aos 28 estados que aglutina hoxe. Ademais, sinalou que agrupa a máis de 500 millóns de cidadáns e que, ao longo destas tres décadas, soubo estar á altura dos cambios sustanciais que tiveron lugar tanto na configuración do mapa territorial como na cidadanía.
“O Parlamento Europeo mantívose estes anos como a cámara de representación de toda unha sociedade, exemplo de diversidade cultural e ideolóxica”, apuntou o titular provincial, que calificou o acto celebrado esta mañá como “un acto cheo de simbolismo porque recolle unha parte fundamental dos nosos proxectos e as nosas aspiracións”.
Finalmente, e ante a presenza de europarlamentarios galegos de distintos períodos lexislativos, Calvo falou de que a Unión Europea preséntase agora como o espazo idóneo para afrontar os retos que presenta o futuro, e citou a consolidación fiscal, a Unión Económica e Monetaria ou a adopción de diferentes reformas que comezan xa a dar os seus froitos no crecemento económico.
Tras a súa intervención, precedida do acto de izado da bandeira europea, tivo lugar un debate no que participaron os eurodiputados Francisco Millán Mon, José Blanco e Camilo Nogueira. Os tres falaron do seu traballo no Parlamento Europeo e debateron sobre as expectativas de futuro para Galicia como parte desa Unión Europea.











